A Xunta de Galicia repercutirá a Endesa, a empresa que explota o encoro do Eume, os gastos derivados da emerxencia do río e do abastecemento de Pontedeume. Así se trasladou onte na reunión da Comisión de Seguimento da situación, que se celebrou por videoconferencia, e na que se avaliou a turbidez da auga do río Eume e do abastecemento.
Nesta primeira reunión da Comisión de Seguimento tamén se informou da incoación dun expediente sancionador a Endesa por incumprir os requirimentos efectuados por Augas de Galicia e non seguir as directrices de explotación do encoro. Ademais, comunicouse que se deron indicacións á empresa para que manteña o nivel das augas do encoro nos parámetros normais de explotación e para que adopte as medidas oportunas para reducir a turbidez no río.
Na reunión desta mañá participaron, por parte da Xunta, a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, o xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira e técnicos dos departamentos de Obras e de Calidade das Augas, ademais da xefa territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Cristina Carrión, xunto con representantes do Intecmar. Tamén participaron os alcaldes de Pontedeume e de Cabanas, representantes da empresa concesionaria do sistema de abastecemento municipal e da empresa responsable da xestión do encoro.
O ente Augas de Galicia explicou que as analíticas amosan unha turbidez moi alta, de ata 100 NTU ( acrónimo de Nephelometric Turbidity Unit, unidad de medición para a turbidez) no peor dos casos, cando o límite fluvial son 25 e os valores normais no Eume 1.12, así como valores elevados de aluminio. Tamén explicou que Endesa entregou diversas solicitudes para rebaixar a cota mínima do encoro do Eume, fixada en 306 metros, e que malia denegalas Endesa actuou igualmente, deixando a cota en 299 metros o día 28 de agosto, 7 metros por baixo do mínimo e o valor máis baixo desde o ano 1985.
Interviñeron tamén representantes de Patrimonio Natural, que aseguraron que ata o de agora non se detectou mortandade animal, e do Intecmar, que amosaron a súa cautela con respecto á afección ao banco marisqueiro xa que toman mostras mensuais e os lodos poden tardar en pousar e afectar o marisco.
Endesa pola súa parte, asegurou que este é un episodio excepcional, que ao poñer en marcha os desaugadoiros de fondo non era posible manter os niveis de turbidez, que “o 90% do encoro é non tóxico” e que as choivas removeron sedimentos estratificados do fondo do encoro que causaron que este episodio ocorrese.