As Festas de Santa Marta de Cabanas prepáranse fronte a Covid-19

A tradicional festa coa feira, diferentes actuacións e a súa romaría incorporará novas e estritas medidas de seguridade para non frearse polo virus

O Concello de Cabanas vén de anunciar a programación das Festas de Santa Marta 2020 e debido a actual situación esta será unha edición diferente, xa que estará marcada polas medidas especiais de prevención establecidas pola Covid-19.

A programación de actividades arranca o venres 31 de xullo á mañá coa Feira de Santa Marta, unha feira extraordinaria que acollerá no Paseo da Madalena postos con diferentes produtos, e que estará aberta ao público durante toda a fin de semana en horario de 11.00 a 21.00 horas.

O mesmo venres 31 ás 22.30 horas haberá sesión de cinema ao aire libre coa proxección do filme “Quen a ferro mata”, protagonizada por Luis Tosar e recomendada para maiores de 16 anos. O domingo día 2, tamén ás 22.30 horas, proxectarase a cinta “Los Futbolísimos”, unha opción para todos os públicos dirixida por Miguel Ángel Lamata. Por motivos de seguridade, en ambos casos é preciso reservar praza antes das 14.00 horas do xoves 30 de agosto chamando ao 981 495 959.

O sábado 1 de agosto, a partir das 17.00 horas, o Mago Romarís ofrecerá o seu espectáculo “Maxia á feira”, e xa coa caída do sol, ás 20.00 horas, será o momento da música coa actuación dun pasarrúas a cargo dos Festicultores.

O día seguinte acollerá a tradicional romaría de Santa Marta. O Concello ponlle espeical atención a esta festividade e chama a recuperar a tradición dos xantares populares en familia e coas amizades ao longo do Piñeiral da Madalena, eso si sen deixar a un lado as medidas de seguridade en canto ao uso de máscaras, tamaño dos grupos e distancia interpersoal. A nota musical virá dada pola actuación do pasarrúas Latexo, que percorrerá o entorno co seu espectáculo a partir das 15.30h.

Desde o Concello de Cabanas animan á veciñanza e visitantes a participar das diferentes actividades programadas para gozar dunhas festas de Santa Marta adaptadas aos novos tempos, e piden a implicación de todas e todos para seguir as recomendacións sanitarias e facer que sexan unhas festas seguras.

Salir de la versión móvil