As Fragas do Eume reabren ao público con novos protocolos e medidas fronte ao Covid

A conselleira de Medio Ambiente visitou hoxe o portal de visitantes do parque natural eumés para comprobar algunhas das melloras realizadas durante o peche

As Fragas do Eume e os outros sete parques naturais de Galicia acaban de retomar a súa actividade de cara ao público logo do levantamento da suspensión que pesaba sobre este tipo de instalacións debido ao COVID-19. Así o comprobou persoalmente a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que visitou esta mañá o Centro de Interpretación das Fragas do Eume acompañada pola directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo.

As oficinas de atención ao visitante levaban pechadas desde a declaración do estado de alarma a mediados do mes de marzo, pero durante todo o estado de alarma seguiuse a traballar na posta a punto dos parques. Deste xeito, as actividades de atención ao público foron substituídas por outras como a elaboración de manuais de boas prácticas relacionados coa biodiversidade, o parque natural, o sendeirismo ou o propio centro de recepción de visitantes, entre outros, a preparación de fichas didácticas de talleres, xogos ou actividades deseñadas para a súa execución durante as charlas ou rutas guiadas, a revisión e proposta de mellora da páxina web ou o deseño de novos roteiros con guía.

Ademais, co fin de manter estes espazos naturais en perfecto estado de conservación, sinalización e limpeza de cara á súa reapertura, tamén se levaron a cabo traballos de mantemento da contorna.

Así, no caso das Fragas do Eume os traballos comezaron o 14 de abril e correron a cargo dunha cuadrilla composta por un xefe de brigada e tres peóns, dotados dos vehículos e das ferramentas necesarias. En total, desbrozaron 0,68 hectáreas de monte, cortaron 0,4 hectáreas de herba, procederon á retirada da madeira presente na estrada a Monfero e tamén arrincaron exemplares de crocosmia, unha especie exótica invasora, presente en Xunqueira de Abaixo e outras zonas.

 

Salir de la versión móvil