O Concello de Pontedeume asegura que as obras para a reparación do muro do paseo marítimo da vila, na zona do río Covés, avanzan a moi bo ritmo e estarán rematadas nas próximas semanas.
A subdelegada do Goberno en Galicia, Pilar López-Rioboo, visitou hoxe a zona na que se realizan os traballos xunto ao alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, e o xefe da Demarcación de Costas, Rafael Eimil. Tras as xestións realizadas polo Concello de Pontedeume, o Ministerio de Transición Ecolóxica aceptou a solicitude e comezou traballos, que terán un orzamento de 55.023,20 euros.
“O muro está cedido desde hai anos e quero agradecer a receptividade do Ministerio de Transición Ecolóxica, que aceptou a petición do concello para dar resposta a unha demanda dos veciños”, afirmou o alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, que agradeceu a visita de Pilar López-Rioboo “e o apoio da Delegación do Goberno aos proxectos do noso concello”.
Con estas obras, o concello dá continuidade ademais ao plan de mellora desa zona do paseo marítimo, que requería de diferentes actuacións. En concreto, hai uns meses realizouse un tramo novo de paseo, que se inaugurará coincidiendo coa posta en marcha das novas gradas do campo de fútbol das Gándaras.
