A Xunta de Goberno Local do Concello das Pontes acordou aprobar, de forma definitiva, o proxecto de urbanización do Poboado das Veigas e darlle traslado a Endesa das alegacion estimadas durante o período de información pública do proxecto.
Con esta aprobación ábrese un período máximo de 6 meses para que a empresa presente, ante o Concello, a garantía para asegurar a correcta execución das obras de urbanización, por un importe do 10% do orzamento do proxecto. Unha vez realizado este trámite iniciaríanse as obras de urbanización no Poboado das Veigas, cun período aproximado de execución de 18 meses
O concelleiro responsable da área de Urbanismo, Antonio Alonso, sinala que “remata así un longo camiño iniciado fai case unha década e có que a veciñanza do Poboado das Veigas, finalmente, terá os mesmos servizos e dereitos que o resto de ponteses e pontesas sen que isto supoña ningún coste para as arcas municipais”
O proxecto, que suporá un investimento de 4,5 millóns de euros, contempla unha transformación integral dos equipamentos públicos que inclúen a renovación dos servizos de saneamento, abastecemento, alumeado, rede eléctrica e telecomunicacións, así como completar a urbanización precisa para que os terreos nos que se asenta o Poboado das Veigas acaden a condición de solar o que permitirá a súa posterior venda aos seus inquilinos actuais.
Antonio Alonso califica este proxecto como moi beneficioso para o municipio, nun momento complicado, xa que “vai supoñer un importante fluxo económico vencellado aos traballos de urbanizacion ao que haberá que sumar o xerado polos traballos que cada veciño desexe realizar nas súas repectivas vivendas, unha vez sexan propietarios das mesmas”
Por outra banda, de acordo ao convenio asinado con Endesa non ano 2016, a empresa propietaria dos terreos entregará ao Concello, unha vez renovados e sen custo algún, , os viarios, as zonas verdes e equipamentos coma os campos de fútbol e tenis, o conservatorio, ou o lar de Endesa, que pasarán a formar parte do tecido urbano do municipio.