As Pontes busca fortalecer o seu tecido empresarial co programa Invest in Cities

Este plan permitirá traer un maior investimento á cidade para suavizar o impacto económico da central térmica e da actual crise sanitaria

O Concello das Pontes é un dos 20 territorios que participará na terceira edición do programa Invest in Cities, posto en marcha polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Este plan ten como obxectivos atraer inversión ás cidades españolas, apoiar o desenvolvemento económico dos municipios e ofrecer solucións de financiamento e dixitalización ao tecido empresarial dos territorios participantes.

Ao remate da presentación telemática do programa a responsable de Industria e Emprego do Concello, Ana Pena, subliñou a relevancia deste programa,  cal pode supoñer unha oportunidade para atraer investimento á localidade, algo moi necesario tras a recesión sufrida pola crítica situación da central térmica.

A participación das Pontes neste programa supón a inclusión na plataforma web www.investcities.com e presenza en foros rexionais de inversión, en encontros empresariais no extranxeiro así como no Foro de Cidades Atractivas para a Inversión, o que situará as Pontes nun lugar privilexiado para amosar as súas fortalezas e vantaxes competitivas aos posibles inversores.

Dentro da plataforma dixital, As Pontes disporá dun apartado onde se reflectirá o seu posicionamento xeral, as súas vantaxes, os proxectos de desenvolvemento ou bonificación e axudas fiscais. Por outra banda, o programa inclúe dúas plataformas de atracción; Invest in You para startups e Invest in Companies, dirixida a empresarios que buscan acometer unha ampliación de capital ou a transmisión da súa empresa e que tamén permitirán aos empresarios e empresarias pontesas acceder a asesoramento profesional, capital privado e financiamento para os seus proxectos.

O programa tamén contempla unha visita dun equipo de consultores do Grupo PGS que terá como obxectivo optimizar a participación da vila na iniciativa así como diferentes expedicións comerciais a destinos internacionais para dar a coñecer as vantaxes competitivas das Pontes.

Salir de la versión móvil