As Pontes prepárase para a súa expansión poboacional, ata 100 novas vivendas levantaranse no Canal IV

Onte aprobouse o proxecto que permitirá construir 100 domicilios en réxime de cooperativa no Canal IV, supoñendo unha inversión de 20 millóns de euros
CANAL IV

O pleno do Concello das Pontes deu luz verde -durante a celebración dunha sesión extraordinaria urxente- cos votos a favor do grupo de goberno e o Partido Popular, á aprobación provisional do proxecto de modificación puntual das normas subsidiarias do Canal IV que permitirá a construción de 100 vivendas, en réxime de cooperativa, e que suporán unha inversión de 20 millóns de euros.

A modificación conta con informes sectoriais favorables de todos os órganos consultados e sobre a que xa non cabe interpoñer ningún recurso, o cal permitirá axeitar a norma urbanística do ámbito da Canal IV, vixente desde o ano 1985, momento no que os terreos estaban ocupados pola antiga explotación mineira, polo que se transformará de solo rústico a urbanizable.

Deste xeito, este ámbito urbanístico axustarse á realidade dun espazo que se atopa en contacto coa malla urbana da vila, rodeado de viarios e beirarrúas, sen quitarlle edificabilidade a ningún ámbito urbanístico do concello das Pontes e permitindo a execución dun proxecto estratéxico e de interese público para o municipio.

«Esta modificación tamén permitirá dar resposta ás necesidades da veciñanza, ofrecéndolle a un centenar de familias pontesas a posibilidade de construír as súas propias vivendas, favorecendo o asentamento de poboación. Son cen veciños e veciñas que creen neste pobo e que están dispostos a realizar unha das maiores inversións urbanísticas da provincia, nuns momentos que non son os mellores para o pobo das Pontes» subliñou o edil de Urbanismo, Antonio Alonso durante a sesión plenaria.

O concelleiro tamén puxo de manifesto os beneficios que o proxecto reportará ao municipio, xa que dende a casa consistorial non se fará fronte a ningún gasto, pois «serán os socios cooperativistas os que asuman os costos do proxecto», valorado en 20 millóns de euros. Ademais a construción da cooperativa promoverá o crecemento d otexido empresarial da zona, algo necesario actualmente en calquera municipio e no de As Pontes aínda máis se cabe debido ao estancamento da central térmica.

Finalmente, este proxecto lle permitirá á comarca obter vivendas de protección oficial, novos equipamentos, zonas verdes, sendas peonís e un novo tramo de carril bici. Así mesmo, as arcas municipais obterán un 10% do aproveitamento neto da vivendas, feitos que repercutirán de xeito positivo no conxunto de toda a veciñanza.

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.