O presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, visitou esta mañá a zona onde se están a executar as obras de ampliación e mellora dos primeiros 2,5 quilómetros da estrada provincial DP 7009 das Pontes ao Freixo.
Acompañado do concelleiro de Servizos e Seguridade Cidadá, José Ramón Alonso, do concelleiro de Medio Rural, Antonio Castro, e de técnicos do servizo provincial de Vías e Obras, Valentín González supervisou o estado actual das obras, a piques de rematar. Alí apuntou que xa rematou a parte máis importante da obra, a construción dos sobreanchos da estrada, e que o resto de traballos, que incluirán o afirmado da calzada e a instalación de nova sinalización horizontal e vertical estarán completamente concluídos este mesmo verán.
As obras, incluídas no Plan de conservación de estradas da Deputación da Coruña, supuxeron un investimento próximo aos 160.000 euros e permitiron anchear a estrada de 4 a 6 metros no tramo que vai dende o inicio da vía ata a zona do cemiterio. Esta actuación mellorará a seguridade, especialmente nalgúns puntos onde a vía era tan estreita que apenas permitía o paso de dous vehículos simultaneamente.
Valentín González Formoso destacou a importancia da colaboración veciñal para facer realidade este proxecto, xa que os veciños cederon os terreos para poder levar a cabo unha ampliación demandada dende hai tempo, que vai a permitir mellorar notablemente a seguridade do tráfico nunha estrada que comunica a parroquia pontesa do Freixo.