O Concello das Pontes presentou, esta mañá, o proxecto educativo e de divulgación arquitectónica e urbanística, ‘A Vila do Mañá’, unha proposta que durante os últimos anos xa se desenvolveu noutras localidade galegas como Vilagarcía, Carballo, Arzúa, Ames, Rianxo, Cambados, Arteixo, Malpica ou Santiago, entre outros.
A Vila da Maña é un proxecto de participación cidadá que recupera as ideas propostas por Aldo Van Eyck, e as premisas e Francesco Tonucci , creador do programa “ A cidade dos nenos”, co obxectivo de que actúen como vangarda da recuperación do territorio para a cidadanía.
Lorena Tenreiro, concelleira de medios locais, indicou que “os novos tempos demandan unha maior implicación da cidadanía no espazo público para que os veciños e veciñas participen da vila para conseguir un espazo amable, avanzando na súa transformación”.
Deste xeito a poboación más nova das Pontes estará presente de forma activa nos procesos de construción do espazo común (praza, barrio, vila) dotándoos das ferramentas precisas para desenvolver a súa creatividade provocando o despertar dunha nova mirada sobre os espazos nos que desenvolven a súa vida, engadiu a concelleira de Educación, Tania Pardo
O proxecto que desenvolverán desde o 11 ao 15 de xuño, en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, está dirixido a nenos e nenas maiores de cinco anos e inclúe distintas actividades de urbanismo táctico, unhas efímeras e outras máis permanentes, en distintos espazos da vila, que permitirá á adolescencia e infancia estar presente, de forma activa, no proceso de construción dos espazos comúns, dotándoos das ferramentas necesarias para desenvolver a súa creatividade dende a arte e a arquitectura.
Así, As Pontes converterase nun taboleiro de xogo e laboratorio de experimentación, transformando a localidade en algo novo a descubrir se mira e percorre con outros ollos a través de obradoiros centrados en seis conceptos fundamentais: a percepción, o espazo, a paisaxe, a escala, a sustentabilidade, a vila, e con ferramentas coma o punto, a liña o plano e o elemento tridimensional.
“O fin é provocar e espertar na infancia e na mocidade unha nova mirada sobre os espazos nos que desenvolven a súa vida. É importante que dende pequenos coñezamos o valor do noso territorio para ser conscientes e saber coidalo o día de mañá”, indica Lorena Tenreiro.
As persoas interesadas en participar nestes proxecto deben cubrir o formulario de inscrición, a autorización de cesión de imaxe -dispoñibles na páxina web do Concello- e remitirse ao enderezo electrónico [email protected], ata o venres, 8 de xullo, ás 14: 00 horas.
Discussion about this post