A patronal dos industriais metalúrxicos celebrou a súa xunta directiva, por solidariedade, nas Pontes. O presidente da Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (Asime), Justo Sierra, asegurou que o posible peche da central térmica de Endesa nas Pontes de García Rodríguez “tería como consecuencia a caída de moitas empresas do sector, do metal, fundamental en Galicia e que tamén carrexaría un descenso significativo neste comarca”. Así o trasladou o representante desta agrupación patronal, que levou precisamente ata esta localidade a reunión da súa xunta directiva, para trasladar o “apoio ante a difícil situación que viven agora estas empresas, sobre todo auxiliares”.
A reunión de traballo realizouse na sede da Asociación de Empresarios Seara, emprazada no polígono de Penapurreira. “Nós estaremos sempre apoiando calquera tipo de solución que poida supoñer a continuidade da central, ben sexa dunha maneira parcial ou total”, destacou Sierra, que reclamou que “como mínimo se permita un período de carencia para que as empresas da zona poidan adaptar a súa actividade á nova situación e póidase paliar a caída do emprego tanto nesta comarca como noutro sitios de Galicia nos que hai empresas que tamén traballaban para esta central térmica”.
Desde o Concello das Pontes, a súa concelleira de Industria, Ana Pena, desprazouse ata o lugar onde Asime realizaba a reunión de xunta directiva, agradeceulles o seu xesto e trasladoulles que “o sector do metal é moi importante, con moito peso na industria” e na localidade. Tamén o presidente de Seara, Xaime Castro, agradeceu a presenza destes empresarios, por achegar o seu apoio coa reunión da asemblea da súa xunta directiva. Con iso, agradeceu a súa implicación na “reivindicación” que levan adiante “para defender que non se peche a central térmica das Pontes e que se busquen unhas alternativas para que teña polo menos algo de futuro”.