A Fraga de Dona Rita volverá converterse nun gran punto de encontro veciñal o próximo 13 de xuño de 2026 coa celebración da quinta edición da Romaría das Merendas, unha cita xa consolidada no calendario festivo das Pontes que aposta pola convivencia, a música e a recuperación das tradicións populares.
Baixo o lema “Velaí vai outro baile”, o evento propón unha xornada completa ao aire libre na que se convida a toda a veciñanza a acudir caracterizada con estética dos anos 50, recreando o espírito das antigas romarías galegas.
Merendas populares e xogos para todas as idades
A programación comezará ás 13:00 horas cunha exhibición de vehículos clásicos e a tradicional sesión vermú, acompañada de ambientación musical a cargo da Escola Municipal das Pontes, No Cómbaro da Casa e Troula do Ortegal.
A partir das 15:00 horas chegará o momento central da romaría: as merendas populares, unha das tradicións máis emblemáticas do evento. A proposta busca recuperar o espírito das xuntanzas familiares e veciñais arredor da comida e da conversa, nun ambiente de convivencia aberta.
O Concello destaca que se trata dunha festa sen venda de comida nin bebida, polo que cada grupo deberá levar o seu propio xantar, mesas e mantas para compartir unha comida comunitaria no corazón da fraga. A tarde incluirá tamén xogos tradicionais para o público infantil, organizados por Picariños, ademais dun obradoiro de iniciación ao baile tradicional.
Foliada e moita música en directo
Entre as 18:00 e as 20:00 horas terá lugar a Foliada Estelar, un dos momentos máis agardados da xornada, cun cartel de grupos procedentes de distintos puntos de Galicia e mesmo do exterior.

Entre as formacións participantes destacan nomes como Os da Cochera (Vigo), Trío Prata (Ames e Teo), Os Charanghaitos (Forcarei), As Ferriñas (O Vicedo), Gamelas e Anduriñas (Espasante) ou a banda The Westering Sun, de inspiración celta con músicos galegos e escoceses.
Tamén se suman propostas como A Troula do Ortegal, que leva anos difundindo a música tradicional galega cun formato interxeracional, e outros proxectos que combinan experiencia, recuperación de repertorio popular e novas interpretacións.
A Romaría das Merendas pecharase cunha foliada libre e unha gran verbena popular aberta á participación de todo o público, reforzando o carácter participativo dunha celebración que aposta pola cultura popular como eixo central.
