O Boletín Oficial da Provincia publicou hoxe as bases reguladoras das axudas do Plan Municipal para a reactivación económica e laboral do Concello das Pontes. Ana Pena, responsable da área de Industria apunta que “a finalidade destas axudas é contribuír ao sostemento da actividade económica e do emprego no municipio, a través da achega de liquidez ás microempresas e autónomos, así como a amortecer a redución drástica de ingresos que permita a paliar as consecuencias laborais e económicas sobre a veciñanza, derivadas da crise sanitaria”.
O plan de reactivación económica e laboral contará con dúas liñas de achegas; unha cota fixa de 600 euros para persoas físicas e xurídicas afectadas polo peche dos seus establecementos disposto no Real Decreto do Estado de Alarma e outra liña, cunha cota fixa de 500 euros para aquelas persoas autónomas ou micropemes que sufriran unha redución da súa facturación de polo menos o 75% en relación coa media efectuada no semestre natural anterior á declaración do Estado de Alarma.
Entre os gastos subvencionables atópanse a cota da seguridade social, arrendamentos e canons, reparacións e conservacións, servizos profesionais independentes, gastos de subministración (auga, luz, gas ou teléfono) o outros gastos como útiles de desinfección, cotas de préstamos ou amortizacións.
As solicitudes, acompañadas da información complementaria, deberán dirixirse ao IPPEC, e presentarse por vía telemática a través da Sede Electrónica do Concello das Pontes e o prazo de presentación das solicitudes será 20 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no BOP.