O Pleno do Concello das Pontes aprobou onte, durante unha sesión extraordinaria, cos votos a favor do PSOE, a abstención do BNG e do PP e o voto en contra de Xuntas polas Pontes En Común, o orzamento xeral para o ano 2020, que ascende a 16.045.017,10 euros, así como o cadro de persoal, as normas de execución do propio orzamento e o plan económico financeiro.
Durante a sesión plenaria, que se celebrou de forma telemática, a concelleira de Facenda, Maite Méndez, fixo fincapé en que “se trata dun orzamento deseñado por e para a veciñanza no que se van desenvolver diferentes accións coas que se dará cobertura a todas as necesidades da veciñanza de As Pontes en materia social e económica”.
En relación aos gastos que están previstos afrontar desde o Concello case o 67% do orzamento municipal para o ano 2020 estará destinado a unha inxección directa de máis de medio millón de euros a través de axudas a microempresas, persoas autónomas e familias que, debido á situación actual de emerxencia sanitaria, se viron afectadas por un ERTE ou remataron no paro. Tamén vanse reforzar as liñas de axudas directas de todas as iniciativas empresarias de nova creación ou mediante a formación e a contratación directa, o impulso da obra pública así como a través de accións orientadas á reactivación comercial, hostaleira e turística do municipio.
A edil tamén subliñou que o orzamento destinado á Concellería de Benestar Social incrementouse en 1.3 millóns con respecto ao anterior orzamento “o que nos permite manter todos os programas que xa existían, aumentado as partidas destinadas ao Servizo de Axuda no Fogar, ás axudas para estudos ou incrementar a partida destinada a emerxencia social.
Maite Méndez fixo especial fincapé no capítulo dos investimentos que están previstos realizar durante este exercicio polo Concello das Pontes, algo máis dun millón de euros, que permitirá acometer diversas obras tanto no ámbito rural como no caso urbano.
Entre outras actuacións atópase o acondicionamento exterior do edificio da Asociación Veciñal de San Pedro de Eume, a mellora da cuberta de escola infantil a Barosa, a insonorización do cine, o acondicionamento da pista de karts ou a reforma do baixo do mercado, proxectos que, case na súa totalidade, están dirixidos a axudar a reactivar a economía e contribuír a aumentar e manter o emprego.
Ingresos
O orzamento para o ano 2020 prevé uns ingresos de 16.045.017,10 euros procedentes de impostos directos (IBI, BICES ou IVTM) e indirectos (ICIO), a cobranza de taxas e outros impostos (servizos deportivos, servizos educativos, servizos culturais, licenzas urbanísticas, etc), as transferencias correntes realizadas por outras administracións así como os ingresos patrimoniais (arrendamentos leiras urbanas, concesións administrativas, etc.
“Trátase dun orzamento equilibrado en ingresos e gastos, que se incrementa en case 700.000 euros con respecto ao orzamento anterior. Cando se fai o cálculo de previsión dos ingresos que vai recibir o Concello, sempre mantendo o principio de prudencia” subliñou a titular de Facenda.