O municipio de As Pontes e toda a súa contorna aínda están a dixerir a último anuncio realizado por Endesa o pasado mes de decembro, no que informaba que viña de solicitar o peche definitivo da central térmica da vila. A nova colleu por sorpresa tanto á cidadanía como aos actores políticos e empresariais implicados, logo de que a corporación enerxética dixera poucas semanas atrás que ía revaluar a substitución de parte do carbón polo uso de biocombustibles.
Sen embargo, a eléctrica mudou drásticamente de estratexia e anunciou pouco despois o desmantelamento total das instalaciones pontesas para 2022, co obxectivo de apostar decidamente pola eólica, máis rentable no económico, segundo Endesa. Así, os responsables da compañía explicaron que “o incremento no prezo dos dereitos de CO2 e a caída significativa do prezo do gas levou a que este tipo de centrais sufrisen unha importante falta de competitividade na cobertura da demanda de mercado, sen perspectiva de mellora”. Paralelamente ao de As Pontes, tamén anunciouse o peche da pranta de Carboneras, en Almería.
Para tratar de atenuar o impacto provocado polo apagón das instalacións, Endesa anunciou ao mesmo tempo, un plan para promover o desenvolvemento económico e xeración de emprego na zona. A compañía subliñou que estas propostas, enmarcadas no chamado Plan Futur-e, inclúen procesos de recolocación do plantel –174 traballadores en As Pontes– e medidas formativas para mellorar a capacitación técnica dos empregados, “que tamén se terán en conta para os labores de desmantelamento das centrais e mantemento dos novos parques renovables”. O mesmo ocurrirá coas deceas de empresas auxiliares que operan na planta. Endesa tamén garantiu que se consumirán as 880.000 toneladas de carbón coas que conta actualmente, o que “suporá unha oportunidade de ocupación da actual plantilla e das auxiliares durante alomenos un ano”, detallou o director xeral de Endesa Noroeste, Miguel Temboury.
Uns compromisos que non atenuaron os ánimos da veciñanza, a cal volveu saír a rúa para rexeitar de plano este anuncio, que logrou por de acordo a actores empresariais e políticos de todas as cores.
Na última concentración cidadá, o rexedor pontés, Valentín González Formoso, mostrouse especialmente crítico coa decisión da eléctrica e lembrou que “Endesa está en débeda con As Pontes” ao tempo que esixiu compromisos claros da compañía cos traballadores da planta e das auxiliares. “Con feitos e con palabras”, dixo.
O alcalde, quen puxo en dúbida a sensibilidade da empresa coa vila, quixo tamén animar á veciñanza a manter a esperanza sobre o incerto futuro do municipio e da comarca: “O reto que temos por diante é difícil, pero xa vivimos antes momentos duros e decisivos”.
Na mesma linea manifestouse o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen lamentou o paso dado por Endesa e advertiu de que apagar a planta pode poñer “en discusión a suficiencia e seguridade enerxética de España”.
O máximo responsable do goberno galego lembrou o investimento de máis de 200 millóns de euros realizado pola compañía nos últimos anos para adaptarse aos requisitos europeos de emisión, enmarcado no compromiso da administración central de manter a central en funcionamento. “É unha contradición manifesta, dado que, das 14 centrais térmicas de España, a máis potente, a que fixo máis investimento e a que está autorizada pola Unión Europea para seguir como mínimo ata o ano 2030 é a das Pontes”, remarcou.
Pola súa banda, o máximo responsable de Industria da Xunta, Francisco Conde, calificou a decisión como “inxusta, precipitada e non consensuada con todos os axentes que levan meses traballando para identificar de forma conxunta unha solución para que a planta poida ter unha oportunidade de futuro”.
Discussion about this post