As Pontes facilitará a instalación das terrazas e aprazará as taxas ata outubro

O Concello pontés pretende "facilitar o retorno a actividade" dun dos sectores máis afectados pola crise sanitaria como é o da hostelería

O Concello das Pontes porá en marcha, de cara ao próximo 11 de maio, medidas para impulsar a reactivación económica dos establecementos hostaleiros da localidade e paliar os efectos da crise sanitaria provocada polo COVID-19 no municipio, facilitando a instalación de terrazas, de xeito inmediato, e suprimindo o pago da taxa de terrazas, ata o mes de outubro de 2020.

As medidas propostas polo consistorio buscan facilitar o retorno da actividade no municipio, nun dos sectores máis castigados pola situación derivada da crise sanitaria polo COVID-19, con maiores dificultades no proceso de desescalada e que mantén centos de postos de traballo entre os veciños e veciñas da localidade. Elena López, concelleira de Comercio, Hostalaría e Turismo apunta que “o sector da hostalaría perdeu gran parte da facturación anual durante esta primeira parte do ano debido ao cese da actividade durante o Estado de Alarma e desde o Concello queremos facilitarlles o regreso á actividade”

A edil tamén sinala que, “en todo momento, o Concello velará pola mobilidade da veciñanza, en especial das persoas con mobilidade reducida, tratando, ao mesmo tempo, de favorecer a viabilidade económica dos negocios como a seguridade para a clientela” A modificación da ordenanza pola que se regula a taxa por ocupación de terreos de uso público con terraza será elevada ao próximo pleno ordinario que se celebrará este mesmo mércores.

O proceso establecido para a instalación das terrazas, a partir do día 11 de maio, será regulado pola Policía Local a instancia das solicitudes que os establecementos hostaleiros interesados deberán comunicar, telefonicamente, ao no IPPEC, a partir do martes 5 de maio, a través do teléfono 664 02 98 71.

Salir de la versión móvil