As Pontes inaugura a exposición arqueolóxica ‘Man a man’

A exposición, situada no primeiro andar do Mercado Municipal, fai un percorrido pola prehistoria e a antigüidade do municipio

Concello de As Pontes

O Concello das Pontes inaugurou onte, no primeiro andar do Mercado Municipal, a exposición arqueolóxica ‘Man a Man’; un percorrido pola prehistoria e a antigüidade do municipio a través dos obxectos elaborados a man polos homes e mulleres que habitaron As Pontes.

Elena López, responsable de Turismo, apunta que “nesta exposición, destinadas a todos os públicos, amósanse obxectos arqueolóxicos de diferentes períodos históricos da nosa vila, agrupados cronoloxicamente e acompañados por carteis que permitirán ás persoas que se acheguen ata o Mercado Municipal coñecer o pasado das Pontes dun xeito ameno e didáctico”.

A exposición, articulada en catro grandes bloques temáticos– a través de vitrinas- inicia a súa andaina nas medoñas do Neolítico, hai aproximadamente oito mil anos, vai avanzando para chegar ao Calcolítico, período que marcou o inicio da arquitectura monumental e logo adéntrase na Idade dos Metais. A última parada achegará ás persoas visitantes aos vestixios deixados polas persoas que viviron na confluencia dos ríos Eume e Chamoselo a finais do Imperio Romano, hai máis de mil seiscentos anos.

Entre as pezas destacan tégulas decoradas, fragmentos de sigillata e fragmentos de cerámica común do xacemento romano do Chamoselo, aixolas de seixo, lascas e raspadeira do xacemento da Mourela asi como adornos persoais elaborados en pedra pulida, un vaso campaniforme, un enxoval de cobre e cerámica galaica e de mesa.

A exposición elaborada por Cultureume, está apoiada con ilustracións de Laura Decibreiro, nas que recrea coa súa mirada escenas cotiás das diversas épocas da historia das Pontes. Estará aberta ata o 15 de outubro e é preciso concertar cita previa no número 673240434 ou a través do correo electrónico turismo@aspontes.org

Salir de la versión móvil