As Pontes prepárase para celebrar por todo o alto o 40 aniversario da Feira do Grelo

Un xantar popular, música, mostras de artesanía ou de gando son algunas das actividades que se desenvolverán os días 22 e 23 de febreiro na vila

Feira do Grelo de As Pontes

A Feira do Grelo do Concello das Pontes celebrará, o próximo fin de semana, o seu 40º aniversario. Unha cita gastronómica que ten como obxectivos exaltar un dos produtos máis emblemáticos da gastronomía local e render homenaxe á agricultura máis tradicional.

As actividades, que se desenvolverán durante os días 22 e 23 de febreiro, comezarán o sábado,  ás 11:00 horas da mañá coma apertura da XIII Exposición CONtornos , exposición itinerante de madeira torneada, na primeira planta do Mercado Municipal. Á mesma hora, na rúa Ramón Cabanillas, a Asociación Amigos da Madeira das Pontes levará a cabo unha exhibición de torneado en talla de madeira e na Praza de América abriranse as portas da feira “Son de Campo” promovida pola Federación de mulleres rurais FADEMUR, na que os visitantes poderán adquirir, durante toda a fin de semana, produtos autóctonos de alimentación, agasallos, cosmética, pezas de xoiería.

O colexio de Santa María albergará unha cata gastronómica de pratos elaborados con grelos

Na rúa Alexandre Bóveda, os asistentes á 40 edición da Feira do Grelo de As Pontes poderán visitar a VI Mostra da Federación de Razas Autóctonas de Galicia e exhibición de especias avícolas na que a veciñanza e visitantes poderán coñecer máis de preto algunhas especies propias da comunidade autónoma galega como a cabra e a ovella, o porco celta ou o can de palleiro.

Durante toda a mañá do sábado, 22 de febreiro, o grupo de gaitas Canavella animará as rúas do  centro urbano e ás 12:30 horas, na Casa Dopeso presentarase o documental “O latexo do tempo humano” no que os artesáns Lolo de Severiano, Tito Ledo e Lola Turón dan a súa visión sobre tres pezas arqueolóxicas, o traballo artesán e a madeira. A música voltará ás 17:00 horas cun concerto de música tradicional, na Praza de América no que participarán a formación Os Viqueiras acompañados de catro cabezudos que bailarán ao son da música.

 

A venda de grelos comezará contra as oito da mañá

O domingo, o día grande da Feira do Grelo, as actividades arrincarán co tradicional concurso de cestas no patio do Colexio Santa María. Os produtores poderán presentar as suas cestas de grelos ata as 10:00 da mañá e ás 11:00 horas o xurado fará entrega dos premios, na carpa do Colexio Santa María, ás cestas gañadoras. Desde ás 11:30 horas ata ás 13:00 horas, na carpa do Colexio Santa María celebrarase unha actividade gastronómica na que os cociñeiros Adrián Fuentes, Bruno Pena e Álvaro Victoriano Aguado elaborararán e darán a probar diferentes pratos elaborados con grelos.

A partir das 13:00 horas, no patio de Santa María celebrarase a degustación popular, que incluirá un menú composto por sopa, cocido con grelos, costela, lacón, chourizo, garavanzos e patacas, ademais de requeixo da Faeira e mel de Goente de sobremesa. O prezo será de dez euros por persoa e o menú estará dispoñible para levar. Aqueles que queiran degustar freixós, deberán trasladarse á Avenida da Coruña, onde estará instalada a freixoeira, onde poderán mercar unha ducia de freixós por 5 euros.

Durante a xornada dominical a música terá de novo un papel protagonista cos pasarúas de No Combaro e Os Trevillas e os concerto da Banda da Balbina, a partir das 13:00 horas, na Praza de América. O broche de ouro da 40ª Edición da Feira do Grelo porano Tanxugueiras que acturán, a partir das 18:30 horas, no Auditorio Municipal Cine Alovi.

 

Relacionado:

 

Salir de la versión móvil