As Pontes volve ser capital dos fungos e os cogomelos

Feira Fungos Cogumelos As Pontes

O Concello das Pontes presentou hoxe oficialmente a programación da XXXV Feira de Fungos e Cogomelos, que se celebrará entre o 31 de outubro e o 2 de novembro.

Durante o acto tamén se deu a coñecer o cartel desta edición, elaborado polo alumnado de 5º e 6º de primaria do CEIP Santa María, gañadores do concurso “O Mundo da Micoloxía”, unha iniciativa promovida polo departamento de Cultura co obxectivo de fomentar o coñecemento do medio natural entre a infancia e impulsar a súa participación na vida cultural da vila.

Desde o Concello destacouse a relevancia da feira como un dos eventos máis emblemáticos do calendario cultural, social e económico das Pontes, ademais do seu papel na promoción da educación ambiental e da creación local.

O goberno local subliñou tamén a implicación do alumnado na elaboración do cartel oficial, sinalando que “é esencial que os nenos e nenas aprendan desde pequenos a valorar o seu entorno natural e se acheguen ao mundo da micoloxía dun xeito lúdico e educativo. A través do concurso ‘O Mundo da Micoloxía’, tiveron a oportunidade de explorar, aprender e expresar a súa creatividade. O cartel é unha mostra do seu talento e da súa mirada curiosa sobre a natureza e a contorna”.

Así mesmo, salientouse que “a Feira de Fungos e Cogomelos é un evento de referencia para As Pontes, que pon en valor a riqueza micolóxica da comarca e promove a participación cidadá mediante unha programación diversa que combina cultura, lecer e aprendizaxe. Este ano deseñouse unha proposta pensada para todos os públicos, con actividades como paseos micolóxicos, obradoiros de cociña, animación de rúa e concertos, entre outras”.

O Concello tamén fixo fincapé na importancia económica da feira, lembrando que “non só ten unha gran relevancia cultural e social, senón que tamén contribúe á dinamización da economía local, apoiando á hostalaría, ao comercio e á artesanía. É unha oportunidade para dar visibilidade aos produtos de tempada e reforzar o vínculo entre o rural, a gastronomía e o desenvolvemento económico sostible”.

Programación

A trixésimo quinta edición dará comezo o venres 31 de outubro coa actividade “Cantos aos cogomelos”, unha proposta musical organizada en colaboración co grupo de música tradicional No Cómbaro. Durante a tarde-noite, diferentes establecementos hostaleiros acollerán as actuacións dos grupos Aquí e Alá, Espera que vou mexar, Foliada de Remior, Mestura de Nete, Nordeste Callado, Os do 21, Pandereteiras da Escola Municipal das Pontes, Retranka, SCR Ledicia, Silbarda e Tocata Xou, enchendo as rúas de música tradicional e ambiente festivo.

O sábado 1 de novembro continuará a programación cun paseo micolóxico para público adulto, guiado por expertos da Asociación Micolóxica Coruñesa no Monte Forgoselo. Ao mesmo tempo, desenvolveranse o mercado de oportunidades MOVA na Avenida da Coruña, a mostra de artesanía e produtos de outono na rúa Ramón Cabanillas, e diversas actividades de animación de rúa.

Pola tarde, a feira centrará a súa atención na divulgación e na gastronomía, coa exposición micolóxica e obradoiros de cociña infantil e para adultos, dirixidos polos gañadores dos premios ao mellor cociñeiro e mellor cociñeira de cogomelos de Galicia 2024, Antony Coari e María García.

O domingo 2 de novembro abrirá coa presentación a concurso das cestas de fungos na Praza de América, seguida da entrega de premios do Concurso de Fungos As Pontes 2025 e do certame escolar “O Mundo da Micoloxía”.

Ese mesmo día terá lugar a degustación do menú micolóxico no patio do CEIP Santa María, que tamén poderá encargarse para levar. A música volverá ser protagonista co concerto do grupo Jinetes el Trópico e, xa pola tarde, coa actuación da Asociación Donaire, que celebrará o seu 25 aniversario no Auditorio Municipal Cine Alovi, poñendo o broche final á feira.

Durante os tres días, poderanse visitar a exposición de fotografía micolóxica no Parque Municipal Campo da Feira e a mostra dos traballos escolares do concurso “O Mundo da Micoloxía” na Casa Dopeso.

Ademais, os establecementos hostaleiros da vila ofrecerán unha Ruta de Sabores baseada na gastronomía con cogomelos, completando así unha ampla e variada programación de outono.

A XXXV Feira de Fungos e Cogomelos das Pontes consolídase, deste xeito, como un evento de referencia en Galicia, que promove a educación ambiental, impulsa a economía local e ofrece unha proposta cultural e gastronómica de primeiro nivel.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.