As protestas das auxiliares de Endesa obligan a cortar o tráfico nos accesos a Cabanas e Pontedeume

Esixen a convocatoria urxente dunha mesa de traballo para despexar o seu futuro tralo peche da central térmica de As Pontes

Os traballadores das empresas auxiliares que prestan servizos na central eléctrica de Endesa en As Pontes retomaron as súas protestas “ante a inacción” do goberno e da empresa na convocatoria dunha mesa de traballo para abordar o seu futuro. Como vén sendo habitual, este mércores os traballadores e as traballadoras das empresas auxiliares da central térmica continuaron co calendario de concentracións semanais para esixir garantías de emprego e a convocatoria da mesa de traballo específica das Pontes, na que estean presentes o Ministerio para a Transición Ecolóxica, a Xunta de Galiza, o Concello, Endesa, as organizacións sindicais e outros axentes sociais.

As protestas continuaron este xoves con dúas concentracións, unha en As Pontes coa presenza de veciños e veciñas da vila e outra na rotonda que une os concellos de Cabanas e Pontedeume. Esta última, obligou a cortar o tráfico durante máis dunha hora en todos os accesos das vilas. Durante esta acción de protesta, o responsable da CIG-Industria, Alberte Amado, denunciou o deixamento do Ministerio na constitución desta mesa de traballo, “cando non hai escusa posíbel para seguir adiando a súa convocatoria, tendo en conta que Endesa xa solicitou formalmente o peche e que o novo Executivo español está constituído e en plenas funcións”. De igual xeito, criticou a pasividade da Xunta que, máis alá das declaracións públicas e de descargar responsabilidades no Goberno do Estado, non está a facer ningunha presión institucional real para forzar a convocatoria deste foro.

Traballadores das auxiliares de Endesa cortaron o tráfico durante unha hora nos accesos a Pontedeume e Cabanas.

“Parece que ambas administracións están agardando a que comecen os despedimentos nas auxiliares para dar un paso. Hai máis preocupación polas campañas electorais e por sacar réditos políticos deste conflito que por planificar unha transición enerxética xusta que permita manter os empregos e reindustrializar as Pontes”, aseverou onte durante a concentración en Cabanas.

Neste liña, Alberte Amado sinalou que o persoal das auxiliares non vai cesar nas súas mobilizacións ata que se convoque esa mesa na que poder abordar calquera proxecto alternativo, ben sexa coa produción de enerxía ou ben noutro sector, e que ten que ser neste marco onde Endesa traslade as súas propostas e onde arrincarlle compromisos. “E non como estamos vendo até agora, que a empresa fai o que lle peta e anuncia supostos plans a través dos medios sen informar sequera á representación social”, criticou.

Salir de la versión móvil