O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, prevé que “en torno a un mes” darán comezo as probas de biocombustibles na planta térmica de Endesa e que serán controladas por parte de entidades “tan cualificadas” como o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) –dependente da Xunta– e a Intervención Xeral da Administración do Estado ( IGAE) co fin de avaliar a súa viabilidade.
Diso informou este mércores o rexidor pontés no marco dun encontro en Santiago do comité de crise das Pontes co conselleiro de Economía, Francisco Conde, para “seguir vixiantes coas tarefas que hai que facer”.
Neste sentido, González Formoso advertiu de que a supervivencia do complexo de Endesa pasa por “convertelo en algo distinto do que foi ata o de agora de queima de carbón”, de aí a importancia das probas experimentais de queima de lodos. Paralelamente, o alcalde socialista reclamou que exista un trato adecuado para a comarca na repartición de fondos europeos e estatais para a descarbonización, nun territorio con “unha perda de emprego importante desde o 2000”.
A Xunta reclama a Endesa unha implicación activa na reactivación da planta
Remarcou Gonzalez Formoso que o obxectivo da transición ecolóxica é a substitución o carbón a medio prazo, e que iso require de axudas. “Que nos axuden a reinventarnos industrialmente falando”, afirmou. Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, urxiu ao Goberno á convocatoria dunha mesa de traballo para As Pontes na que abordar entre administracións e traballadores “cales son os seguintes pasos a dar para garantir que hai unha transición xusta”. Tamén apremiu a Endesa para que “poña as medidas necesarias para dar unha solución” e invitouna a que teña unha “implicación activa para a reactivación da planta”.
Protestas sindicais
As protestas e os paróns continuan na vila de Pontes. Durante estas xornadas reivindicativas, os sindicatos tamén apremiaron ao goberno a poñer en marcha o convenio de transición xusta. O representante de CIG-Industria nas Pontes, Alberte Amado remarcou que co goberno central xa constituído, “non se entenden os retrasos para poñerse a traballar nunha solución”. Mentres, desde CCOO lamentaron que lamentou que a empresa dea “a calada por resposta” e que os dirixentes sindicais non puideran aínda reunirse coa dirección de Endesa. Así, subliñou que non hai data para unha reunión oficial na que examinar as “garantías” para o futuro dos operarios auxiliares.
Recollendo estas demandas sindicais, a pasada semana, rexistrouse o primeiro requerimento para conformar a ansiada mesa de trallabo. O deputado BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, rexistrou unha petición para que “nun prazo de seis meses se asine un convenio de transición xusta para As Pontes” e do mesmo xeito que ese convenio de transición xusta incorpore as partidas orzamentarias necesarias para garantir que vai “haber novas actividades e que vai haber tamén emprego nesta vila e na comarca”.
Relacionado:
- Paro total na central de Endesa por unha transición enerxética xusta.
- As Pontes busca alternativas ao peche definitivo de Endesa
- Endesa evaluará de novo o uso de biocombustibles nas Pontes