O vindeiro día 1 de marzo os concellos, os axentes sociais e os empresarios volverán sair á rúa nunha nova xornada reivindicativa para demandar solucións contra a desinsdustralización das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal. Representantes dos ámbitos económicos, sociais e políticos reuníronse nunha mesa de traballo que pretende consensuar demandas e propostas concretas para elevalas ao Goberno central e á Xunta de Galicia. Cristóbal Dobarro, presidete da Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal foi un dos representantes patronais desta mesa de traballo.
Como cre que vai afrontar o tecido empresarial da comarca o peche de Endesa?
Lóxicamente con preocupación, porque era unha das grandes empresas tractoras a nivel comarcal tanto directamente, pola súa actividade económica, como indirectamente pola relación coas empresas da zona e coas familias. É unha moi mala noticia.
Creen que afectará máis do que se espera ao resto de municipios da súa contorna?
Non é unha cuestión que só afecte ás Pontes, senón ao resto dos concellos, porque en todos hai persoas ligadas a Endesa de maneira directa ou indirecta, porque hai infraestruturas esenciais para a comarca como o Porto, ou empresarios como os transportistas e as compañías auxiliares que vense afectados. É algo que vai mesmo máis aló da comarca e que repercutirá na provincia e en toda Galicia.
Que considera que debería incluír ou recoller o convenio de transición xusta para As Pontes?
Necesitamos que se adopten medidas concretas e concluíntes que xeren actividade económica na zona. Pero as medidas compensatorias non poden ser un novo plan de reindustrialización con fondos e propostas que non sexan concretos. Endesa e o Estado deben dar os pasos necesarios e concretos que permitan recuperar a actividade económica na comarca.
“Non podemos estar contentos co que pasou. Había uns plazos que parecía que nos permitían seguir realizando investimento e traballando a medio plazo e produciuse un peche inesperado”
En que están a traballar na mesa transversal para a reindustrialización das comarcas de Ferrolterra?
Establecemos unha mesa de traballo cos axentes sociais e as entidades públicas para determinar as necesidades da comarca en materia de recuperación económica e para esixir das autoridades en cada materia que emprendan as accións que sexan necesarias.
Agora estamos a traballar para tentar conseguir esa unidade, porque é moi importante ter unha única voz a nivel comarcal, e non imos deixar de realizar esforzos para que haxa un entendemento, entre todos os partidos políticos e tamén cos empresarios e traballadores para poder cumprir eses obxectivos de unidade. Sen ela é imposible, porque se necesita a implicación das diferentes administracións e estas están gobernadas por partidos de distinto senón.
Tendo en conta outros casos da contorna europea en canto ao apagamento do carbón considera que o Goberno central ou Endesa actuaron precipitadamente?
Non se se precipitadamente, pero o que se transmitiu aos empresarios da zona ata datas recentes non foi o que finalmente sucedeu. Non podemos estar satisfeitos co que pasou, porque parecía que había un prazo que aínda permitía aos empresarios realizar investimentos e traballar a medio prazo, e agora prodúcese un peche inesperado e nunhas condicións que non son apropiadas en relación cos dereitos adquiridos e os intereses creados dos axentes implicados na cuestión.
As cousas podíanse e debíanse facer doutro xeito, porque moitos empresarios aínda estaban a realizar importantes investimentos e isto colleunos por sorpresa.
Cal cre que será a saída máis adecuada para o tecido industrial das Pontes?
As Pontes é un enclave industrial tradicionalmente ligado á enerxía e a enerxía segue sendo unha necesidade. Aínda que deixe de usarse a explotación de materiais fósiles, hai industrias relacionadas coas enerxías renovables e temos que esixir que, igual que no seu día por unha decisión estatal creouse a central das Pontes, agora, de forma directa por parte do Estado ou a través de empresas multinacionais xérese outro tipo de industria.
Discussion about this post