Endesa deu por finalizadas na súa central das Pontes os traballos da segunda fase do programa de mellora de eficiencia ambiental, destinada á desulfuración no proceso de xeración de enerxía eléctrica a partir de carbón. Cun investimento que rolda os 217 millóns de euros, a central non só cumprirá os requisitos da Directiva europea de Emisións Industriais (DEI), senón tamén os aínda máis esixentes valores BREF.
O primeiro paso foi a instalación dun sistema de desnitrificación dos gases de combustión en cada un os catro grupos da central, co fin de cumprir cos novos valores límite de emisións para o óxido nítrico. Esta obra dotou á central de equipos para a eliminación de xofre dos gases de combustión a través de procesos que implican o uso de calcaria como absorbente alcalino para capturar dióxido de xofre e transformalo en sólido. Aínda que require un investimento elevado e precisa un maior consumo de auga, este proceso ten como vantaxe a súa elevada eficacia de desulfuración, que supera o 95 por cento.
A desulfuración dos gases con óxidos de xofre conséguese ao poñelos en contacto con calcaria, que reacciona xerando sulfato de calcio; este transfórmase finalmente en xeso de alta pureza, que se poderá empregar no sector da construcción. Os gases xa purificados son emitidos á atmosfera despois de pasar por un sistema de retención de pingas. Todo iso desenvólvese en tres fases: absorción do óxido de xofre, preparación do reactivo e deshidratación do xeso.
Con esta adaptación Endesa pretende lograr reducir nun 71% as emisións de dióxido de xofre, dun 62,5% das de óxidos de nitróxeno e dun 80% na emisión de partículas, o que non só permitiríalle acatar a nova normativa, senón converterse nunha das centrais máis eficientes de todo a contorna comunitaria.
Probas de biocombustibles
Agora os traballos céntranse na calibración do proceso de desulfuración, que podería alongarse ata mediados de agosto ou principios de setempo. Unha vez finalizada esta obra da desulfuradora, o compromiso da empresa é comezar a realizar as probas cos biocombustibles.
Talo fracaso das primeiras probas de mixtura de mineral e carburantes ecolóxicos realizados a principios de ano, nesta segunda tanda de probas vanse traballar con dúas opcións: unha composta por un 49% de mineral de carbón e un 51% de lodos procedentes de depuradoras; e outra na que o 50% é carbón subbituminoso e a outra metade un compost dun alto poder calorífico.
Ademais da comprobación da viabilidade técnica e ambiental da central, a compañía enerxética sinalou que será necesario que se garanta a viabilidade das condicións económicas da mestura de combustible. «De ser viable técnica e económicamente, Endesa daría marcha atrás na súa solicitude de peche», explicaron hoxe fontes da compañía.