Entrevista a Valentín González Formoso, alcalde de As Pontes

"Queremos facer un As Pontes do emprendemento e da iniciativa empresarial"

Valentín González Formoso, alcalde de As Pontes

Estamos a comezos de lexislatura. Cales son os proxectos principais para o Concello nos próximos anos?

Queremos facer un As Pontes do emprendemento e da iniciativa empresarial. Ser referentes na creación de emprego, no turismo, no sector primario… pero tamén na enerxía e o medio ambiente, traballando para lograr unha transición enerxética gradual e xusta que non deixe a ninguén atrás.

Un dos grandes retos é o demográfico. Que medidas se poden tomar desde os concellos para aumentar a poboación?

Apostamos por conectar as parroquias co casco urbano e ampliar os servizos básicos para favorecer o asentamento de poboación. Desde 2008 investimos case 12 millóns para mellorar a calidade de vida nas parroquias, e imos continuar nesa liña, poñendo en valor o rural, mellorando os servizos e impulsando o tecido asociativo. Concello e Deputación priorizamos as iniciativas emprendedoras no ámbito rural.

Considera que os concellos asumen competencias que deberían asumir a Xunta ou o Gobierno central?

Si. A protección de menores é competencia exclusiva da Xunta, mais supuxo para a Deputación 100 millóns de euros en 10 anos, que se detraen dos fondos para concellos. E o mesmo co servizo de atención á dependencia e axuda no fogar, unha competencia que asumen os concellos e que lles corresponde ás administracións autonómicas e estatal. Xunta e Goberno deben asumir as súas competencias.

Necesitan os concellos outro modelo de financiación, ter unha maior autonomía económica?

É un tema pendente, xunto co de asumir competencias impropias. Un tema que está sobre a mesa da FEMP e trasladaremos ao novo goberno.

Xa falando desde un punto de vista comarcal, como é a relación cos outros concellos do Eume?

Somos concellos amigos e a relación é boa. Estamos vivindo unha situación industrial complicada e existe unha forte vontade conxunta de traballar polo emprego e polo futuro do noso territorio.

Deberían compartir máis servizos entre os concellos da comarca? Sería posible unha maior colaboración?

Compartir servizos é un sistema de xestión eficaz. É bo para os veciños e permite ás administracións locais optimizar os recursos sen merma na calidade.

Salir de la versión móvil