As Pontes incrementará á seguridade viaria nos polígonos dos Airíos e Penapurreira

As actuacións, que contarán cun investimento de 140.000 euros, inclúen a renovación do firme en vías deterioradas e a reposición completa da sinalización horizontal para mellorar a circulación e a seguridade nos dous parques industriais do municipio
Parte do polígono industrial das Pontes | Concello das Pontes
Parte do polígono industrial das Pontes | Concello das Pontes

O Concello das Pontes de García Rodríguez executará nos próximos meses un plan de mellora da seguridade viaria nos polígonos industriais dos Airíos e de Penapurreira, cun investimento total de 141.794,18 euros destinado á modernización de viais e sinalización.

As actuacións realizaranse ao abeiro das liñas de axuda da Xunta de Galicia para a mellora das infraestruturas dos parques empresariais, co obxectivo de reforzar a seguridade e a funcionalidade destas áreas de actividade económica.

Renovación do firme no polígono dos Airíos

Unha das intervencións principais centrarase na pavimentación do viario 2 do polígono dos Airíos, cun tramo de aproximadamente 830 metros e unha superficie próxima aos 8.000 metros cadrados. A vía presenta actualmente un importante deterioro debido ao tráfico pesado, con fochancas e deformacións.

Vista aérea do polígrono industrial de Airíos | Páxinas Galegas

O proxecto contempla a renovación da capa de rodaxe mediante aglomerado en quente, previa aplicación dun rego de imprimación, así como o fresado dos bordos para garantir unha correcta transición co pavimento existente e asegurar a durabilidade da obra.

Nova sinalización horizontal en ambos polígonos

A segunda liña de actuación centrarase na reposición completa da sinalización horizontal tanto nos Airíos como en Penapurreira. No primeiro caso, renovarase a pintura de liñas, símbolos e cebreados, moi deteriorados ou inexistentes, que afectan a máis de 9.800 metros lineais de marcas viarias, ademais de 27 símbolos e máis de 1.100 metros cadrados de zonas cebreadas.

Vista aérea do polígrono industrial de Penapurreira | Páxinas Galegas

No polígono de Penapurreira executarase tamén a renovación integral da sinalización interior, incluíndo eixes, bordos, pasos de peóns e zonas de seguridade. Antes dos traballos realizarase unha limpeza das superficies e un replanteo técnico coordinado coa Policía Local.

Con este investimento, o Concello das Pontes busca mellorar as condicións de circulación e seguridade nos dous principais polígonos industriais do municipio, facilitando o tránsito de vehículos e reforzando a ordenación destes espazos clave para a actividade económica local.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.