O conselleiro de Economía, Francisco Conde, tachou de “decepcionante” a reunión sobre o futuro da central das Pontes que se celebrou este martes en Madrid, xa que se pechou “sen ningún tipo de propostas” por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica nin de Endesa. En cambio, o Goberno central informou de que se ultiman axudas para descabornización.
Así se expresou Conde en declaracións á súa saída da Mesa de Transición das Pontes, na cal Endesa trasladou que se mantén o peche da térmica o ano próximo mentres se continúan coas probas para ver a rendibilidade de biocombustibles. O conselleiro de Industria lamentou a “formulación clara de desmantelar a planta” por parte de Endesa e de “non traballar de forma directa na reactivación inmediata”.
Deste xeito, a Xunta trasladou ao Ministerio de Transición Ecolóxica a necesidade de tomar “todas as medidas necesarias” para reactivar a planta de forma inmediata, así como “buscar alternativas con diferentes probas de biocombustibles“. Conde censurou que no encontro non se puxeron sobre a mesa “soluciones concretas” para os traballadores de auxiliares e transportistas, máis aló do plan de desmantelamento do que se beneficiarán os empregados da térmica.
Por iso, o Goberno galego quéixase de que se segue “na mesma situación” que na última reunión da mesa de seguimento en outubro, con “cinco meses sen ningún tipo de avance”. “Non temos ningún tipo de certeza sobre a reactivación da planta”, recriminou o titular da Xunta.
Pola súa banda, o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, sinalou que existe “moita incerteza” sobre o que ocorrerá cos traballadores de auxiliares e transportistas. O rexedor dixo “botar de menos” un “compromiso claro” co emprego destes colectivos. “Non sabemos se vai continuar a planta ou non, e se continua se será cun ou dous grupos; e en todo caso, o inicio das tarefas de desmantelamento atrasaranse un ano e medio”, reflexiona.
Apunta o alcalde de As Pontes que a empresa abre a posibilidade de “dar formación” a estes traballadores para a súa futura recolocación en parques eólicos en Galicia, pero hai un “período de tempo que non se sabe que vai ser deles”. “Esiximos compromiso por parte de Endesa”, sentenzou.
Fondos Europeos
Xunto a isto, o Ministerio remarcou que A Coruña será incluída no Fondo de Transición Xusta da Comisión Europea, polo que poderá optar a fondos da UE. O Ministerio para a Transición Ecolóxica remitiu á Xunta os protocolos de actuación de Meirama e As Pontes, un paso previo e necesario para activar os convenios de transición xusta en ambas as zonas.
Con iso, “activarase un proceso participativo cos axentes no territorio para partir do cal se seleccionarán proxectos de desenvolvemento territorial que formen parte do convenio, co fin de xerar emprego de calidade e actividade económica no territorio”, explica o Ministerio.