O mural adicado ao bandoleiro Toribio escollido entre os mellores do mundo

A plataforma europea Street Art Cities coloca o proxecto As Pontes enPezas no mapamundi da arte urbana
24_NoveNoel_O derradeiro bandoleiro Mamed Casanova (1)

A recoñecida plataforma de mapeo de arte urbana, Street Art Cities, recopila mensualmente os mellores murais do mundo. Esta plataforma é considerada a comunidade de arte urbana máis importante a nivel internacional, e a finais do mes de setembro, publicaron os que serían os mellores murais para este mes, atopándose entre eles a obra realizada polo artista galego Nove Noel para o proxecto municipal As Ponte enPezas.

A peza mural dedicada ao considerado como o último fuxitivo e bandoleiro romántico, Mamed Casanova (apodado como Toribio), realizouse entre os meses de agosto e setembro en pleno centro da vila das Pontes, concretamente nun lateral do grupo de vivendas Calvo Sotelo, na popular Praza do Carmen.

A obra muralística é unha interpretación gráfica deste antiheroe que viviu en Galicia a cabalo dos séculos XIX e XX, nado na parroquia das Grañas do Sor (Mañón) e apresado pola Garda Civil na parroquia do Freixo (As Pontes). Toribio conquistou na súa época a literatos da talla de Valle-Inclán ou  a Condesa Emilia Pardo Bazán, e aínda segue tendo gran sona na actualidade.

 

O mural do As Pontes enPezas retrata a Mamed nunha das súas primeiras aventuras delitivas e das máis afamadas. Todo comeza cando un veciño adiñeirado regresa da Habana e poucos días despois da súa chegada, falece e é enterrado cun fermoso traxe confeccionado en Cuba. Toribio encaprichouse coas roupas do defunto, e non tivo reparos en desenterrar o cadáver e enfundarse as vestimentas do indiano para facer acto de presenza nun baile.

No mural tamén se representa a súa pega, un paxaro que segundo dicían os seus veciños e veciñas, avisábao da presenza da Garda Civil durante os tres anos que viviu fuxido polos montes do norte de Galicia. Toribio aspiraba a non ser un máis nunha época de pobreza e inxustiza social, e a un prezo moi alto, conseguiuno.

O encargado de dar vida no As Pontes enPezas á historia deste personaxe da nosa comarca foi Nove Noel, un dos muralista galegos máis talentosos, nado na vila de Rianxo. Noel é comunicador audiovisual e técnico en ilustración. Dende o ano 2008 dedícase á imaxe gráfica e a pintura mural. Dende entón traballou en numerosos festivais en España, Portugal, Alemaña e México.

A representación mural deste personaxe fíxose un oco entre os considerados como os mellores murais do mundo, colocándose na décimo terceira posición e situando a vila das Pontes nesta recoñecida plataforma internacional.

As Pontes enPezas é un proxecto de arte urbana e participación cidadá promovido polo Concello de As Pontes de García Rodríguez que conta xa con máis de 40 intervencións artísticas realizadas ao longo dos seus 3 anos de traxectoria. Ademais da rexeneración de espazos urbanos a través da arte, o proxecto conseguíu a creación dun museo público ao aire libre no que se implicou non só a artistas muralistas recoñecidos e a artista noveis, senón tamén á poboación local.

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.