En breves a veciñanza máis activa de As Pontes poderá disfrutar da rehabilitación que está a sofrir o ximnasio no CEIP A Magdalena, un proxecto que forma parte do plan emprendido pola administración local para mellorar os edificios e equipamentos deportivos do municipio.
Estes traballos acondicionarán un espazo empregado como instalación deportiva do centro educativo pero tamén para o desenvolvemento de diversas actividades deportivas promovidas polo concello, e cuxa remodelación contará cun orzamento total de 47.715 euros.
Reformas a realizar
As obras están dirixidas a rehabilitar a cuberta desta instalación para, deste xeito, mellorar a saúde e as condicións de illamento térmico de todo o edificio, eliminando todo o material de revestimento de fibra de cemento que hai ata o momento. Tamén se procederá á substitución do actual teito do ximnasio, suspendido na zona da pista polideportiva, para instalar un panel sándwich con illamento interior. Así mesmo, procederase á rehabilitación da fachada do ximnasio, eliminando as actuais placas de poliéster para mellorar a iluminación natural do mesmo coa instalación de lousas de policarbonato compacto con protección UV. Por outra banda, tamén se actuará na parte cega desta fachada eliminando o revestimento actual para aplicar un novo baseado nunha impermeabilización acrílica reforzada en fibra de vidro.