Os grelos serán os protagonistas nas Pontes o 18 e o 19 de febreiro

A feira de exaltación deste produto celebra a súa edición número 42

Arquivo- Feira do grelo de 2019

A Feira do Grelo do Concello das Pontes celebrará os días 18 e 19 de febreiro a súa edición número 42. Unha cita gastronómica que ten como obxectivos exaltar un dos produtos máis emblemáticos da gastronomía local e render homenaxe á agricultura máis tradicional e para a que os departamentos de Cultura e Turismo deseñaron unha programación que conxuga as actividades máis tradicionais como o concurso de cestas coa venda de produtos agrícolas, gandeiros e artesáns e a música tradicional.

As actividades comezarán o sábado, ás 11:00 horas da mañá , na rúa Ramón Cabanillas, cunha exhibición de torneado e talla de madeira a cargo da Asociación Amigos da Madeira das Pontes. Nesta mesma rúa e a mesma hora abriranse os postos de venda de produtos autóctonos de alimentación, agasallos, cosmética e pezas de xoiería. Por outra banda, os grupos de música tradicional No Cómbaro, Contiños da Feira, Alxibeira e Axóuxere percorrerán as dúas do centro do pobo ata as 14:00 horas.

A música regresará ás 00:00 horas cun concerto de Entroido, no patio do Colexio Santa María a cargo da formación Virtual Project, cun un repertorio de versións diferentes, que vai desde o rock nacional ao pop rock internacional dos anos 80´s 90´s e 20´s, con máis de 50 obras de éxito e cantadas maiormente por voces femininas. O domingo, o día grande da Feira do Grelo, as actividades arrincarán co tradicional concurso de cestas no patio do Colexio Santa María. Os produtores poderán presentar as súas cestas de grelos ata as 10:00 da mañá e ás 11:00 horas o xurado fará entrega dos premios, na carpa do Colexio Santa María, ás cestas gañadoras.

Os participantes optarán a tres premios, á mellor calidade do grelo, de 400, 3000, 200 euros e a 5 accésits de 75 euros cada un. O premio especial Alexandre Pérez Sindín, á cesta mellora valorada terá unha contía de 300 euros e inclúe unha peza de artesanía doada pola Asociación Amigos da Madeira. A partir das 10:00 horas volverá á Rúa Ramón Cabanillas a exhibición de torneado e talla de madeira da Asociación dos Amigos da Madeira das Pontes e comezará a venda de produtos autóctonos de alimentación e de artesanía

Desde ás 11:30 horas ata ás 14:00 horas, as rúas da vila encheranse de música cos pasacalles das formacións Charanga Santa Compaña, A Xoldaina, Canavella, Contiños da Feira, Os Feroces da Galgueira e Os Trevillas. A partir das 13:00 horas, no patio de Santa María celebrarase a degustación popular, que incluirá un menú composto por sopa, cocido con grelos, costela, lacón, chourizo, garavanzos e patacas, incluíndo o pan e a bebida. O prezo será de quince euros por persoa e o menú estará dispoñible para levar.

Por outra banda, todas aquelas persoas que queiran degustar freixós, deberán trasladarse ata o solar de Don Pedro (intersección da rúa Ramón Cabanillas con Alexandre Bóveda) onde estará instalada a freixoeira. Durante a xornada dominical a música terá de novo un papel protagonista nas rúas da vila, a partir das 16:00 horas, cos pasacalles dos grupos Faíscas da Pontraga e Sondaquí O broche de ouro da 42 ª Edición da Feira do Grelo porao concerto do grupo A Roda, a partir das 18:00 horas no Auditorio Municipal Cine Alovi

Salir de la versión móvil