Paro total na central de Endesa por unha transición enerxética xusta

Os traballadores da planta, os das auxiliares e o comercio local, botáronse á rúa nunha nova xornada reivindicativa na vila

Os sindicatos CCOO, UXT e CIG apoiaron este martes unha xornada de folga na central térmica de Endesa nas Pontes en demanda dun proceso de transición enerxético “xusto” e realizaron un paro total dende as seis da mañá ante o anuncio da compañía do peche do complexo.

As centrais sindicais convocantes levaron a cabo unha manifestación pola vila como acto central e lograron o seguimento de comercio e hostalería local durante esta protesta, ademáis do apoio dos personal principal e auxiliar da central térmica da enerxética Endesa. O portavoz de CCOO, José Hurtado, afirmou que a firma eléctrica “dá a calada por resposta” e lamentou que os dirixentes sindicais non puideran aínda reunirse coa dirección da empresa. Así, subliñou que non hai data para unha reunión oficial para examinar “garantías” para o futuro dos operarios auxiliares, cos que a firma privada comprometeuse a achegarlles carga de traballo ata o próximo 31 de marzo.

Segundo Hurtado, o tecido auxiliar de Endesa As Pontes “está no limbo”, polo que reclamou garantías para o colectivo ao non existir ningún documento asinado sobre o recoñecemento dos seus problemas. O portavoz de CCOO reclamou á dirección de Endesa, á Xunta e ao Goberno central diálogo para resolver os problemas de polo menos 210 traballadores pendentes de saber o seu futuro laboral.

Reunión con Néstor Rego

Pola súa banda, o deputado do BNG no congreso, Néstor Rego, achegouse ata As Pontes para reunirse co comité de crise de Endesa e trasladarlle as medidas alcanzadas no acordo de investidura que o Bloque Nacionalista logrou no Congreso.

Apuntou o deputado nacionalista que estas son unhas medidas precisas para comezar a resolver a situación de crise xerada polo anuncio do cesamento de Endesa. Rego fixo fincapé no compromiso do goberno de facer as modificación normativas e lexislativas necesarias para que Galiza sexa incorporada cos mesmos dereitos en que xa están outras comunidades como Asturias, Aragon ou Castela e León aos plans alternativos de centrais pechadas. Dende o BNG espérase que “nun prazo de seis meses se asine un convenio de transición xusta para As Pontes” e do mesmo xeito “que ese convenio de transición xusta incorpore as partidas orzamentarias necesarias para garantir que vai haber novas actividades e que vai haber tamén emprego nesta vila e na comarca”.

Buscando alternativas

Ao tempo que milleiros de persoas se manifestaban polas rúas de As Pontes, o conselleiro delegado de Endesa, José Bogas, falaba nun acto público sobre a decisión de peche da central. O máximo responsable da eléctrica, desexou que “oxalá se poida atopar algún combustible alternativo, como a biomasa, para que polo menos algún grupo da central de carbón das Pontes poida seguir activo no futuro”.

Bogas, tras participar nunha mesa redonda no foro Spain Investors Day, sinalou que se están facendo probas con biomasa nesa planta térmica para avaliar a súa continuidade, aínda que sexa de forma parcial. No caso de que non houbese éxito, o peche da central pontesa produciríase en xuño de 2021, unha clausura que sucedería ás de Compostilla, en León, e á de Andorra (Teruel), as dúas centrais de Endesa que utilizaban carbón nacional e cuxo peche está previsto para xuño do presente ano.

 

Salir de la versión móvil