Regresa ‘As Pontes Ecuestre’, o evento para os amantes da hípica que contará con 200 participantes

O certame reunirá concurso de saltos, andadura, horseball e a Liga Ferrol-Eume-Ortegal nunha intensa xornada deportiva que se desenvolverá durante todo o día nas Pontes
715995406_1454793810024628_3133808624380213364_n

As Pontes prepárase para acoller este sábado unha nova edición de As Pontes Ecuestre, que converterá a contorna do lago nun dos grandes epicentros do deporte ecuestre en Galicia cunha participación que rondará os 200 xinetes e amazonas.

A cuarta edición do certame mantén cifras similares ás do ano anterior e consolida a súa posición como unha das citas máis destacadas do calendario autonómico, combinando distintas disciplinas e reunindo deportistas de toda a comunidade.

Saltos, andadura e horseball nun mesmo escenario

O programa inclúe arredor de 100 saídas á pista no Concurso de Saltos Territorial, con 90 xinetes e amazonas inscritos, ademais de preto de 70 participantes no Campionato Galego de Andadura, cifras que poderían incrementarse o mesmo día da proba.

Unha das participantes do evento As Pontes Ecuestre 2025 | Concello das Pontes

O evento recupera tamén o espectáculo do horseball, no que participarán tres equipos e unha vintena de deportistas, achegando unha das disciplinas máis vistosas da xornada.

A competición será tamén unha das sedes da II Liga Ferrol-Eume-Ortegal, que dá comezo nas Pontes e na que participan clubs como Prado Ventura, Equo Alalma (Ferrol) e Granxa do Souto (Ortigueira). Todos eles sumarán puntos para unha clasificación que continuará en Ferrol e rematará en Ortigueira a finais de mes.

A organización corre a cargo do Club Hípico Prado Ventura, co apoio do Concello das Pontes e da Federación Hípica Galega, ademais do patrocinio da Deputación da Coruña no marco da liga territorial.

Máis ca un evento ecuestre na localidade

A actividade arrancará arredor das 10:30 horas coa recepción de participantes e dará paso ao inicio das probas ás 11:00 horas. Ao longo do día iranse alternando as distintas competicións ata as 18:30 horas, momento no que se pechará o certame. O programa inclúe tamén a entrega de premios ao mediodía e pola tarde, así como o torneo de horseball entre as 13:30 e as 14:30 horas.

Cartel promocional de As Pontes Ecuestre 2026 | Concello das Pontes

Durante os descansos, o público poderá participar en bautismos hípicos gratuítos, unha proposta pensada para achegar o mundo do cabalo aos máis pequenos e fomentar novas afeccións deportivas.

A organización anima ás familias a achegarse á contorna do lago para desfrutar dunha xornada deportiva que combina competición, espectáculo e participación cidadá nun mesmo espazo natural.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.