O Polideportivo da Magdalena estrea unha imaxe renovada tras concluír as obras de rehabilitación enerxética impulsadas polo Concello das Pontes. A actuación, que contou cun investimento de 149.911,99 euros financiado pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e o Concello, permitiu modernizar unhas instalacións construídas hai máis de tres décadas, mellorando a súa eficiencia enerxética e as condicións de uso.
Mellor illamento e renovación das fachadas
Os traballos centráronse na rehabilitación da envolvente do edificio, especialmente nas fachadas do volume principal, que presentaban problemas de humidades, deterioro e falta de illamento térmico.
A intervención incluíu a instalación dun sistema de illamento térmico polo exterior, a substitución da chapa da parte superior da fachada e a renovación dos canalóns e baixantes para mellorar a evacuación das augas pluviais e evitar filtracións.
Iluminación LED e aerotermia
No interior do pavillón substituíuse o antigo sistema de iluminación por luminarias LED de alta eficiencia, acompañadas dun sistema intelixente que adapta a intensidade da luz ás necesidades de cada actividade deportiva, co obxectivo de reducir o consumo eléctrico.
Outra das melloras foi a instalación dun novo sistema de produción de auga quente sanitaria mediante aerotermia, que substitúe os anteriores acumuladores eléctricos. Esta tecnoloxía permite aproveitar a enerxía do aire para reducir o consumo e mellorar a eficiencia do edificio.
A renovación beneficiará tanto ao alumnado do CEIP A Magdalena como aos clubs deportivos e ás persoas usuarias habituais do pavillón, que contará desde agora cunhas instalacións máis eficientes, confortables e adaptadas ás necesidades actuais.
