Pontedeume está a vivir estas semanas uns momentos difíciles, non só polo corte do suministro de auga, que se solventou de forma áxil, senón tamén polo impacto que causou na veciñanza ver unha das xoias naturais da súa contorna, como é o río Eume, nun estado deplorable.
O goberno local tivo que traballar duro para combatir os niveis de turbidez da auga e proxeter aos veciños e veciñas cando a planta potabilizadora chegou ao seu límite de esforzo. O alcalde socialista, Bernardo Fernández, asegura que cos novos investimentos na planta o abastecemento do municipio quedará blindado contra novos episodios deste tipo.
Queda agora que a Xunta de Galicia e o Ministerio de Transición Ecolóxica conclúan os seus estudos e investigacións para determinar a orixe desta crise ambiental.
Cal é a actual situación tanto no río eume como no sistema de abastecemento de auga de Pontedeume?
En canto ao río, o episodio de turbidez continúa. E segundo trasladouse na comisión de seguimento que tivemos onte vai continuar e seguramente se repita no futuro. Segundo o persoal de Endesa isto surxe no caudal ecolóxico a través das válvulas de fondo do encoro, o cal fai que parte deses lodos poidan saír. O que pedimos a Augas de Galicia é que se continúe con esta investigación para aclarar se isto é así e se se vai a manter esa turbidez ou non.
En todo caso na potabilizadora a situación está estable. En poucas horas conseguimos adaptar a potabilizadora con equipos que trouxemos de emerxencia para facer fronte a ese elevado nivel de turbidez ao que non estamos afeitos e para o cal a nosa planta non estaba adaptada.
En menos de 48 horas logramos que a auga que estamos a tratar xa fose apta para o consumo, aínda que non o autorizamos nese momento porque estabamos á espera de ter os resultados dunha analítica completa que encargamos para valorar os 93 parámetros que establece o Real Decreto 140/2003 que regula a calidade das augas de consumo. Estivemos a esperar a ese comunicado de Sanidade, que chegou o día 20 de outubro e que di que en base aos informes dos técnicos, propoñen o levantamento da prohibición de consumo.
Cales foron as primeiras accións e medidas que tiveron que tomar no Concello?
O Concello detectou por primeira vez esta turbidez o luns 5 de outubro e a través da Policía Local deuse traslado a Augas de Galicia da situación. Tamén nese momento puxémonos en contacto coa empresa concesionaria do servizo municipal de augas, Viaqua, que é a que xestiona a planta potabilizadora, para que fixesen un seguimento da auga que entraba na planta e que realizase tamén analíticas para garantir a súa potabilidade.
Ata a madrugada do venres ao sábado os niveis de turbidez, aínda que eran altos, a planta podía combatelos, pero chegou un momento no que esa turbidez disparouse e vendo que se achegaba aos niveis máximos que establece o Real Decreto, propúxose prohibir o consumo da auga. A partir dese momento fomos preparando a planta con equipos portátiles para facer fronte ás posibles necesidades que puidese ter e o sábado día 10 de outubro xa tiñamos todo instalado. Iso supuxo un gran traballo que nos obrigou a ter a cinco e seis operarios 24 horas ao día controlando todo este proceso de potabilización que aínda non está automatizado.
Considera que a Xunta e, en xeral, as administracións competentes actuaron coa urxencia e a premura que esixía a situación?
Inicialmente, as administracións que tiñan competencia nesta materia creo que non foron todo o áxiles de deberían ser. Aínda que fun crítico coa Xunta neses primeiros días, unha vez prohíbese o consumo de auga aos veciños, Augas de Galicia púxose a traballar e a colaborar co Concello, facendo controis no río, xa que é a súa competencia, declarando o estado de emerxencia e habilitando fondos para poder adaptar a planta potabilizadora de forma urxente.
Algúns grupos da oposición no Concello foron especialmente críticos coa xestión goberno local. Como o valora?
Gustaríame deixar claro ese punto, que nin nós como goberno local nin ningún outro Concello polos que discorre o Eume ten competencias sobre o río. A competencia é da Xunta, a pesar de que desde o grupo municipal do BNG en Pontedeume acusáronme persoalmente de ser o responsable do que estaba a suceder.
Foi lamentable a actitude que tivo o Bloque durante esta crise, o seu portavoz actuou de forma mezquina e só preocupouse de verter mentiras contra a xestión do goberno local, de terxiversar os datos e enganar aos veciños, pero non se preocupou en ningún momento de brindar apoio ao Concello nin de coñecer que medidas estaban a adoptarse. Algo que si fixo o Partido Popular e ao cal lle agradezo a súa responsabilidade nestes días.
Creo que un ten que estar ao servizo dos seus cidadáns e pensar nos intereses dos veciños por encima dos persoais ou políticos. E hai determinadas cuestións que teñen que quedar á marxe da política e máis cando se critica ao goberno local a sabendas de que non ten ningunha competencia sobre o que estaba a pasar no río.

Trala primeira reunión da comisión de seguimento e cos estudos que se realizaron durante estas dúas semanas, pódese concluir que Endese é responsable ou corresponsable do desastre ambiental?
O expediente sancionador que iniciou Augas de Galicia aínda está en marcha e non temos aínda a resolución en firme, aínda que solicitamos que se nos faga chegar canto antes. O que di, polo momento, é que se detectaron altos niveis de turbidez no río e tamén altos niveis de aluminio, especialmente augas arriba do encoro.
Todo apunta a que isto aparece e xorde no pantano, pero hai que saber que é o que xerou esta situación. E por iso solicitamos as correspondentes investigacións tanto á consellería de Medio Ambiente como ao Ministerio de Transición Ecolóxica. Pedimos que se identifique a orixe desta situación e tamén pedimos saber se isto vai traer consecuencias tanto para o econosistema do río como do banco marisqueiro. Por suposto que queremos que se identifique aos responsables, se os hai, para que os prexudicados podamos iniciar as sancións correspondentes.
Que cabe esperar da situación do río nos próximos meses? Hai xa prazos para volver a ver o Eume coas augas cristalinas de sempre?
Ninguén se atreve a dicir cando vai desaparecer a turdidez e imos recuperar o estado habitual do rio. É máis, insístese en que se poidan reproducir episodios de turbidez. Segundo Endesa o 90% deses lodos son naturais, procedente da conca, e no 10% restante non hai toxicidade, pero debemos esperar aos estudos das administracións competentes para confirmar este extremo.
En todo caso ninguén garante que a situación de turbidez no río vaia remitir ou que non se vaia a repetir, por iso é polo que tivésemos que adaptar con emerxencia a planta con ese millón e medio de euros que habilitou Augas de Galicia grazas as xestións que fixemos desde o Concello. Redactamos unha memoria e un informe pormenorizado das necesidades que tiña a planta potabilizadora para combater este episodio e finalmente obtivimos o visto bo da Xunta.

Coa instalación dos novos equipos na planta potabilizadora, o abastecemento de Pontedeume quedaría blindado fronte a un novo episodio coma este?
Si, en principio, segundo coméntannos os expertos, poderiamos facer fronte a novos episodios de turbidez en canto contemos con ese sistema e eses procesos físico-químicos. Ao tratarse dunha obra enmarcada nunha declaración de emerxencia, por lei deberían de estar terminadas en menos dun mes.
Que mensaxe lle transmitiría aos veciños e veciñas do Concello que aínda teñan temor a consumir auga da billa?
Diríalles que poden ter a total seguridade de que levantamos a prohibición de consumo porque esa auga cumpre con todos os parámetos que esixe a lei para o seu consumo. Repito, son 93 parámetros os que analizamos e o único que non se axustaba estritamente era a turbidez na planta, que estaba en 1,31 NTU cando o máximo é 1. E aínda así, nese caso a lei establece que eses niveis serían unha «non conformidade», pero en realidade o nivel máximo que establece o Real Decreto é de 5 NTU e nós nin sequera chegabamos a 2.
Tódolas analíticas que se realizaron en distintos puntos da rede de abastecemento constatan que se cumpren os niveis normais e o auga do concello ten tódalas garantías sanitarias, senón estaríamos ante un delito de saúde pública.