Ao longo do mes de agosto, a Oficina de Información Turística -OIT- de Cabanas atendeu un total de 813 visitantes, o que supón practicamente duplicar as cifras do mes de xullo tras recibirse a 435 persoas.
Segundo os datos recollidos o 53% das visitas recibidas correspóndense con turistas interesadas en coñecer a zona, seguidas polas persoas que están a realizar o Camiño Inglés de Santiago -un 35%- e queren resolver dúbidas sobre aloxamentos ou selar a súa credencial. Finalmente o 9% fórmano os excursionistas que se achegan para pasar un día de praia ou nas Fragas do Eume e, por último, os visitantes locais nun 3%.
En canto á súa procedencia, o 73% do total proceden de outras comunidades do Estado, o que supón un importante incremento desde o mes de xullo. As persoas que veñen de outros concellos de Galicia supoñen o 22% do total, e o 5% correspóndense con visitantes estranxeiros.
As principais consultas refírense ás Fragas do Eume, e lugares de interese no concello e arredores, e en canto ao tipo de aloxamento preferido destacan os establecementos hostaleiros, seguidos polas autocaravanas ou furgonetas camper, e as casas de familiares en último lugar. No caso concreto das persoas que están a facer o Camiño de Santiago constatouse que, tal e como se apuntaba en xullo, seguiu a tendencia de elixir establecementos hostalerios fronte aos albergues nun 60% dos casos.
Camiños de Identidade
O pasado 29 de agosto presentouse o proxecto Camiños de Identidade, un novo produto turístico que conxuga o turismo de natureza co coñecemento da realidade cultural e etnográfica do concello.
Dentro deste proxecto presentouse un novo roteiro circular a pé para acceder ao Parque Natural das Fragas do Eume desde Cabanas. Este novo camiño sae da Igrexa de Santa Olaia de Soaserra e permite chegar ás persoas visitantes até o Mosteiro de Caaveiro, pasando polo medio da fraga e descubrindo o hórreo máis antigo do concello.
No acto de presentación fíxose unha mostra de taller de fiado en colaboración con Cabanas Rural, e se presentou un vídeo promocional do concello que achega ás espectadoras a coñecer a variada oferta turística do municipio, o cal pódese ver na seguinte ligazón: https://www.youtube.com/watch?v=2SRXwzKCTmE.