A Oficina de Información Turística de Cabanas fixo balanzo da finalización da tempada de verán coa recompilación dos datos de visitantes que pasaron por ela no mes de setembro, que ascendeu a 213 persoas. A diferenza do acontecido nos meses de xullo e agosto, durante o mes de setembro foron as persoas en peregrinación a Santiago as que máis visitaron a oficina, representando case a metade das visitas totais, cun 45%; por riba de turistas (35%), excursionistas (15%) e as visitas de poboación local (5%).
As principais motivacións para achegarse até a oficina foron recibir información sobre as Fragas do Eume, roteiros de sendeirismo en Cabanas e no Parque Natural, ademais do selado das credenciais. En canto á procedencia, destacan os visitantes que veñen de comunidades distintas á galega, cun 58%, seguido de persoas doutros puntos de Galiza (36%), e moi por baixo as persoas estranxeiras, que representan apenas o 6% do total.
Tal e como se foi percibindo ao longo de toda a tempada, os establecementos hostaleiros continúan a ser o tipo de aloxamentos preferidos neste verán, mesmo por aquelas persoas que están a facer o Camiño de Santiago. Tamén continúa en auxe o turismo de caravana e furgonetas camper.
Novo roteiro de sendeirismo
Logo do éxito da estrea do roteiro que permite chegar ao Mosteiro de Caaveiro desde Soaserra o pasado mes de agosto, neste mes de setembro agregouse outro novo roteiro ao catálogo de percorridos polo concello.
Estreado o pasado 27 de setembro en colaboración co Club Montaña de Ferrol, o roteiro “Terras Altas de Cabanas” é un percorrido de 22 quilómetros polas parroquias de Regoela, Soaserra e Salto, un camiño que combina historia e paisaxe, xa que ao longo do percorrido permite achegarse a castros, mámoas, muíños, fontes, pedrafitas e igrexas, así como gozar das vistas que nos ofrecen diversos puntos do camiño. Aquelas persoas interesadas en ampliar información sobre este roteiro, poden facelo na sección “Camiñando”, na web cabanas.gal