A Concellaría de Turismo de Cabanas asinou esta semana un convenio de colaboración coa Axencia de Turismo de Galiza para a realización de actuacións de mellora das infraestruturas turísticas de Cabanas. O importe dos investimentos ascende a 43.628,97 €, dos cales a Axencia de Turismo de Galiza achegará 28.358,83 €, mentres que o Concello de Cabanas asumirá os 15.270,14 € restantes.
En concreto, o municipio amañará a senda que percorre a costa do municipio, desde a praia da Madalena até Río Castro, pasando pola praia de Chamoso, e que actualmente necesita actuacións de reparación, particularmente nos treitos máis afectados pola erosión marítima.
As actuacións proxectadas contemplan o amaño da escaleira que ascende desde a praia da Madalena, a instalación de varios treitos de varanda e sinalización ao longo de todo o percorrido e a consolidación de varios treitos do camiño. O responsable da área de turismo, Iago Varela, quixo pór en valor estas actuacións «urxentes e imprescindíbeis para garantir a seguridade nunha das sendas máis percorridas de toda a localidade».