Cabanas pon en marcha o programa de acompañamento emocional “Embarcas?”

Desenvolverase a través das redes sociais do Concello e persegue dotar de recursos socioemocionais ás familias

O Concello de Cabanas, vén de presentar un programa de acompañamento emocional para as familias do concello en tempo de confinamento. Trátase de “Embarcas?”, un proxecto destinado a tecer redes de axuda e alianzas entre o concello, as familias e os centros de ensino.

Con este programa, o Concello de Cabanas quere dotar á comunidade educativa de ferramentas e recursos socioemocionais, así como “fomentar valores como a igualdade, a solidariedade ou a empatía entre a comunidade educativa”, explicaron dende o concello. “Trátase dunha viaxe que nos colleu co mar cambiado (a COVID-19), pero confiamos na tripulación (a veciñanza) para, coas ferramentas axeitadas, chegara bo porto (a nova normalidade)”, sinalan de maneira metafórica desde o goberno de Cabanas.

Para desenvolver a actividade, que se levará a cabo a través das redes sociais do Concello de Cabanas, cada familia deberá crear un barquiño de papel e poñerlle un nome; ese barquiño será o elemento simbólico que iniciará o proxecto e a presentación de cada familia.

A partir de aí o proxecto xirará entorno a catro eixos fundamentais: o compás de navegación, coa creación dun diario de a bordo (un diario emocional); os flotadores, para navegar seguros (a través de estratexias lúdico festivas para pasar mellor o estado de alarma); as bateas, como espazos ancorados nos que medra a vida (sesións de acompañamento emocional); e as redes, como unión (creación dunha historia fiada entre as familias).

Desde o Concello de Cabanas animan a toda a veciñanza, especialmente aquela con menores nas casas, a participar deste proxecto, que se pode seguir nas redes sociais do Concello de Cabanas.

 

Salir de la versión móvil