Cabanas premiará aos consumidores que merquen no comercio local

Coa campaña "Merca Cabanas" os clientes acumularán puntos cando fagan as súas compras no comercio da localidade e optarán a vales de compra de 100, 150 e 200 euros

O Concello de Cabanas, a través da área de promoción económica, vén de presentar a campaña “Merca en Cabanas”, unha iniciativa que ten como principal obxectivo a revitalización do comercio e a hostalería local, despois de que esta se vise afectada pola crise da COVID-19.

A campaña, na que participan unha corentena de establecementos de diversa índole, como hostalería, supermercados, panaderías, aloxamentos turísticos, perruquerías ou librarías, celebrarase entre o 1 de xullo e o 31 de agosto, e premiará a fidelidade das consumidoras no comercio local cabanés.

O Concello de Cabanas repartirá 7.000 trípticos, tanto a través dos establecementos participantes como na Casa do Concello e na Oficina de Información Turística. Por cada 5 euros de compra nos establecementos adheridos, selaráselles ás usuarias un espazo neses trípticos, até completar un total de 20 ocos en, cando menos, catro establecementos diferentes. Unha vez completados eses 20 ocos, entrarase no sorteo, que se celebrará no mes de setembro.

Establécense tres premios principais de 200, 150 e 100 euros en bonos para consumir nos establecementos que participan na campaña durante o outono, así como tamén 20 premios adicionais de 50 euros. O Concello investirá preto de 2.000 euros nesta campaña, que está deseñada de xeito que este investimento se multiplique e que o beneficio económico para o comercio local sexa moi superior, ao impulsar a venda local e o consumo de proximidade.

“Merca en Cabanas ten un dobre obxectivo: dunha banda pretende revitalizar o comercio e a hostalería locais, despois de verse afectadas pola crise económica derivada da pandemia da COVID-19, e por outra busca que tanto a veciñanza de Cabanas como a xente que nos visita coñeza a ampla oferta que temos no concello para facer as nosas compras”, sinalou o tenente alcalde e concelleiro de promoción económica, Iago Varela.

Na páxina web do Concello de Cabanas, cabanas.gal, pódense consultar as bases da promoción e o listado actualizado de establecementos participantes.

 

Salir de la versión móvil