O Concello de Cabanas participa esta semana no III Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía, organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade en colaboración coa Asociación Nacional de Municipios de Cabo Verde (ANMCV), que es está a celebrar na cidade de Mindelo. O tema “Desenvolvemento local no proceso de transición dixital dos territorios” está a centrar o encontro, cofinanciado pola Xunta de Galiza e a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID).
O Concello de Cabanas foi seleccionado para participar no Foro para presentar os seus avances en materia de participación veciñal. A concelleira de igualdade e representante de Cabanas no Fondo Galego, Paula González, participa cun relatorio na mesa “Presentación de boas prácticas para considerar futuras colaboracións” abordando as políticas de turismo sostíbel e participación veciñal na vida municipal.
“Nos últimos tres anos o goberno de Cabanas non só creou un Regulamento de Participación Veciñal e o Consello de Participación Veciñal como órgano consultivo, senón que tamén puxo a disposición da veciñanza diversas ferramentas para acrecentar a súa participación na vida política diaria”, sinalou a concelleira cabanesa Paula González, encargada de presentar en Cabo Verde as políticas postas en marcha desde as áreas de innovación tecnolóxica e participación do Concello de Cabanas.
Ademais da presentación do Concello de Cabanas, o programa do III Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía inclúe unha plenaria sobre “A transformación dixital e os ODS”, a cargo da Secretaría de Estado Dixital e da Unión das Cidades Capitais de Lingua Portuguesa (UCCLA); unha mesa sobre “A transición dixital e o futuro sustentable do planeta: resilencia ante o cambio climático”, onde terá a palabra a Asociación Nacional dos Municipios de Mozambique (ANAMM) e “A transición dixital na construción de territorios máis prósperos: finanzas municipais e mobilización de recursos”, entre outros. O Foro tamén inclúe unha visita á Ilha de Santo Antão, onde se teñen impulsado numerosos proxectos.
Discussion about this post