O Concello de Cabanas quixo reclamar tanto ao goberno galego como á Área Sanitaria de Ferrol unha maior transparencia no referido aos datos aportados polo número de casos positivos activos. Tal e como aseguran dende a administración municipal, as últimas novas recibidas sobre a presunta presenza de novos contaxios na localidade -máis concretamente na residencia DomusVi de Laraxe- foron recibidas a través medios de comunicación, sen ter ningunha constancia por parte de ningún organismo oficial.
Preocupación pola falta de transparencia
O goberno local de Cabanas considera «preocupante» terse que enterar pola prensa da presenza de novos infectados, mentres que «nin o SERGAS nin a Área Sanitaria de Ferrol comunican esta información de maneira oficial». Así mesmo, critican directamente a figura do presidente autonómico tras a presunta «falta de lealdade institucional do goberno de Núñez Feijóo, que oculta esta información aos concellos».
Por outra banda, dende a casa consistorial denunciaron tamén a «deixadez» da Xunta na volta ás aulas, polo que esixen que o goberno galego asuma todos os custes extra das desinfeccións dos diferentes centros educativos, obxecto pertencente á competencia da administración autonómica.
Reactivación da Comisión COVID-19
Por outra banda, Cabanas decidiu reactivar a Comisión Covid-19, creada durante o Estado de Alarma e que dende agora ata nova orde reunirase con carácter semanal para intentar buscar novas alternativas que así poñer freo a esta nova segunda onda de contaxios.