O Concello de Cabanas continúa co seu proxecto de rehabilitación da Escola Laica do municipio para convertela nun gran espazo cultural. Unha ambiciosa iniciativa para a que seguirá contando co apoio técnico e económico da Deputación da Coruña.
Así o anunciaron o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, e o alcalde de Cabanas, Carlos Ladra, quevisitaron este antigo edificio indiano, no que a Deputación investiu nos últimos anos 190.000 euros en diversas fases de obras de reforma que incluiron a completa renovación da cuberta, a eliminación das filtracións de auga da fachada, o adecentamento exterior do inmoble e a construción dun amplo salón de actos no seu interior.
«Trátase dun edificio catalogado, un equipamento público que forma parte do patrimonio histórico de Cabanas e que, co seu uso futuro como Casa da Cultura, volverá a ser dedicado aos fins culturais para o que foi creado», afirmou o presidente da Deputación, quen expresou a súa satisfacción de que os fondos que a institución provincial achega aos concellos a través do Plan Único contribúan a desenvolver proxectos coma este.
O alcalde, Carlos Ladra Brage, anunciou que o goberno municipal seguirá apostando pola recuperación da Escola Laica, destinando parte dos fondos do POS+2020 a ampliar o espazo de aparcamento do recinto, que se queda pequeno para o uso futuro que pretenden darlle a esta infraestrutura.
«Ademáis, necesitamos habilitalo por dentro con butacas para o salón de actos ou estanterías para usar parte das instalacións coma biblioteca. Para todo iso, solicitamos o apoio e a colaboración da Deputación», afirmou o rexedor cabanés. Os seus plans son poder comezar a darlle uso a parte do inmoble a finais deste ano ou principios de 2021.