O Concello de Cabanas, a través da área de normalización lingüística, organiza o próximo luns 3 de outubro un concerto da creadora musical e dinamizadora MJ Pérez, no marco das conmemoracións do Día do Orgullo Neofalante.
A actividade terá lugar ás 11:00 horas no CEIP Eladia Mariño, e está dirixida ao alumnado do último ciclo de primaria. Estes grupos, poderán asistir ó concerto-charla ‘Sube ao Galego‘ con MJ Pérez, unha das novas voces no panorama actual da música galega. “O obxectivo é promover un diálogo coa rapazada sobre a lingua e a experiencia artística, traballando sobre os diferentes referentes da mocidade e a súa relación cos valores das linguas”, indicou a concelleira de normalización lingüística, Paula González.
MJ acumula máis de 100 concertos en diferentes cidades e vilas de Galiza e Portugal, e xa ten tres álbums: un autopublicado (‘Ollos que non ven, síntoma de cegueira’) e dous autoproducidos (‘Guerrilleira’ e ‘Casandra’). A súa música de bebe da esencia da composición, unha fusión de diferentes estilos musicais co predominio do rock-pop. A palabra e a mensaxe dos temas adquiren un protagonismo especial xunto coa súa voz, chea de personalidade.
O Día do Orgullo Neofalante estase a celebrar, ademais de en Cabanas, nos outros concellos que comparten o servizo de normalización lingüística da Mancomunidade de Ferrolterra —Cabanas, Ares, Mugardos, Neda e Valdoviño—. Os cinco concellos organizaron coincidindo con esta efeméride a exposición Cantámola, que foi presentada o pasado 19 de setembro en Cabanas, e que está a percorrer os concellos do servizo.