Entrevista a Carlos Ladra, alcalde de Cabanas

"Temos en marcha un Plan Urbanístico para mellorar a oferta de solo e facer novas edificacións"

Carlos Ladra, alcalde de Cabanas.

Estamos a comezos de lexislatura. Cales son os proxectos principais para o Concello nos próximos anos?

Os principais retos do meu equipo de goberno para os próximos anos son facer máis investimentos en servizos sociais, en igualdade, en infraestruturas… dar ó cidadán un servizo mellor, de calidade, e tamén máis próximo.

Un dos grandes retos é o demográfico. Que medidas se poden tomar desde os concellos para aumentar a poboación?

Temos que facer que o Concello de Cabanas sexa máis chamativo a nivel turístico, que a xente queira vir a coñecelo, e quizás así lle xurdan as gañas de quedarse. E, de forma paralela, hai que aumentar os servizos que ofrecemos ós nosos veciños e veciñas, para que vivir aquí lles resulte atractivo. Ademáis, temos en marcha un Plan Urbanístico para mellorar a oferta de solo e facer novas edificacións.

Considera que os concellos asumen competencias que deberían asumir a Xunta ou o Gobierno central?

Si. Eu penso que todos os concellos asumimos moitas máis competencias das que deberíamos. Temos demasiada carga administrativa para a nosa capacidade real de xestionala.

Necesitan os concellos outro modelo de financiación, ter unha maior autonomía económica?

Si, os concellos precisamos moita máis autonomía, sobretodo no ámbito financeiro. A falta de autonomía financeira provoca un montón de trabas. E é necesaria tamén unha administración máis lixeira, posto que unha burocracia tan pesada conleva que as administracións locais sexamos moi lentas tramitando as nosas inversións.

Xa falando desde un punto de vista comarcal, como é a relación cos outros concellos do Eume?

A verdade é que temos unha boa relación cos concellos da comarca. Pero creo que deberíamos traballar en común moitísimo máis, poñer máis problemas comúns sobre a mesa, como por exemplo a necesidade de reindustrializar a zona. Hai que buscar solucións xuntos.

Deberían compartir máis servizos entre os concellos da comarca? Sería posible unha maior colaboración?

Si. Mancomunar servizos é fundamental para reducir custos.

Salir de la versión móvil