O completo saneamento da ría de Pontedeume está cada vez máis preto de facerse realidade, despois das 22 ofertas recibidas para a realización das obras do novo tanque de tormentas de Cabanas. En total, son 27 as empresas que presentaron as súas ofertas, xa que algunhas delas concorreron en UTE. O prazo para a execución destas obras é de 12 meses, contando cun investimento de máis de 2,8 millóns de euros.
Varios proxectos de saneamento en Cabanas
Os labores que se van realizar céntranse na construción dun tanque de tormentas en Cabanas con saída de bombeo cara á estación depuradora de augas residuais de Centroña, que comparte este municipio co de Pontedeume. O tanque irá enterrado a unha profundidade de 20 metros, nunha planta de 27×21 metros e dispoñerá dunha capacidade de 52,68 litros/segundo, e desde este unha impulsión de 450 metros de lonxitude para alcanzar a estación depuradora de Centroña.
Paralelamente, outra actuación que completan o saneamento da ría e que tamén levarase en Cabanas é a renovación do colector interceptor, licitada por 1,4 millóns de euros. O obxectivo destes traballos é construír un novo colector ao longo de 1 quilómetro da fronte litoral de Cabanas, coincidindo co paseo da Magdalena, co obxectivo de reducir as importantes entradas de auga de mar á rede que se producen na actualidade.
Un colector interceptor en Pontedeume
No Concello de Pontedeume, o proxecto avanza coa construción dun novo colector interceptor, máis adaptado ás necesidades actuais de saneamento e que contribúa a reducir as infiltracións de auga de mar e de augas brancas que chegan á depuradora. Estas obras, que inclúen a renovación da rede de abastecemento no treito afectado polo novo colector, avanzan a moi bo ritmo e mantense a previsión de poñelas en servizo na primeira metade de 2021.
Estes traballos de saneamento da ría de Pontedeume contan co cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020. Estas obras, no seu conxunto, teñen como obxectivo mellorar a calidade das augas e, en consecuencia, a calidade ambiental, turística e da pesca e do marisqueo.