O Galicia Fórum Gastronómico, que se está a celebrar na Coruña entre os días 25 e 27 de setembro, acolleu esta mañá un showcooking no que as persoas asistentes puideron introducirse nos sabores da comarca do Eume a través de Cabanas.
O cociñeiro Antonio Díaz Castro, de Gastrofood AUTGA, realizou en directo dúas elaboracións, unha primeira composta por unha tosta de fariña artesá con sardiña curada e queixo do Eume, afumada con bidueiro das Fragas do Eume; e un pincho de raza cachena sobre galletas mariñeiras. Ambas as dúas resultaron todo un éxito entre os presentes.
Pola súa banda, o tenente alcalde e concelleiro de turismo de Cabanas, Iago Varela, destacou “a importancia de poñer en valor a gastronomía na promoción dun territorio”, unha actividade que se suma ao traballo realizado para a diversificación e a desestacionalización da promoción turística de Cabanas como destino. Tamén valorou o compromiso da área de turismo da Deputación da Coruña na promoción dos produtos locais, “imprescindíbel na aposta polo desenvolvemento de novas actividades económicas vinculadas ao sector”.
O Concello de Cabanas, xunto co resto de concellos da comarca do Eume, resultou beneficiaria dos Plan de Desenvolvemento Turístico en Destino cun proxecto turístico para o Eume ao que lle foron concedidos 1,5 millóns de euros.
