O Club Montaña de Ferrol e o Concello de Cabanas, a través da Concellaría de Turismo, organizan este domingo 27 de setembro a andaina «Terras altas de Cabanas», un percorrido de 22 quilómetros a través das parroquias de Regoela, Soaserra e Salto. As persoas interesadas en participar deben apuntarse previamente chamando ao 660 222 178. A hora de saída está prevista para as 10h, con chegada ao punto de orixe ás 16h.
22 quilómetros cheos de historia e belezas paisaxísticas
O roteiro combina paisaxe con historia, e no seu percorrido permite achegarse a castros, mámoas, muíños, fontes, pedrafitas e igrexas, así como gozar das vistas que se poden ollar desde diversos puntos do camiño. Ademais, tamén permite achegarse a algúns dos lugares empregados polos fuxidos durante a Guerra Civil e posterior ditadura franquista.
«O percorrido permite coñecer a zona alta de Cabanas, que concentra en pouco espazo un rico patrimonio material e inmaterial, descoñecido por moitas e que queremos pór en valor”, sinalou o tenente alcalde e responsábel da área de turismo, Iago Varela.
Pola súa banda, Xan Ramírez, presidente do Club Montaña de Ferrol, explicou o proceso de deseño do roteiro. «A idea xurdiu a finais de verán de 2019, co obxectivo de unir nun percorrido a carga histórica de Regoela, co patrimonio de Soaserra, e o Pico Castro pasando por Salto», explicou Ramírez. «O resultado é un percorrido circular con gran contido histórico e panorámico», concluíu.
Tanto Varela como Ramírez destacaron a boa sintonía entre ambas entidades para levar a cabo colaboracións coma esta, que encaixan dentro da planificación dun mapa de roteiros estable no que se está a traballar desde a área de turismo.