O pasado venres 3 de xullo a compañía española do sector eléctrico e gasístico ofreceu a todos os traballadores a nivel nacional a posibilidade de acollerse aos AVS -Acordos Voluntarios de Saídas-. Esta negociación consiste en que a empresa dálles a oportunidade de prexubilarse a aqueles operarios que cumprisen máis de 58 anos. «É unha negociación entre o traballador e a empresa onde non é necesario nin pasar polo INEM, xa que os pagos proveñen de fondos internos da empresa», afirman dende a CIG.
Endesa está interesada nun primeiro acordo cos traballadores antes do 15 de xullo para deixar a segunda quincena para a tramitación dos expedientes de prexubilación voluntarios e que estas se fagan efectivas a partir do 1 de agosto.
Dende o sindicato de traballadores da CIG tamén apuntan que esta oferta non é novidosa, xa que se viña utilizando dende o 2014. Ademais, non só ofertan a mencionada prexubilación, senón que por outra banda dan a posibilidade de optar a unha recolocación dentro dalgunha das centrais do país, aínda que esta opción é a máis criticada debido aos constantes problemas das diferentes centrais como é o caso da de Andorra.
«En As Pontes somos un total de 164 traballadores e o AVS afectaría ao 30% do plantel. Pero agora existe outra preocupación, que é o mantemento futuro da central de carbón», afirmaban dende o sindicato, pendentes dos avances nas probas de biocarburantes que se realizarán entre os próximos meses de xullo e agosto. De ser positivos, a preocupación dos operarios da central térmica esfumaríase e non terían que acollerse a ningunha destas dúas alternativas.