A Deputación da Coruña vén de sacar a licitación as obras de mellora da seguridade viaria da estrada DP 0905 ao seu paso polo termo municipal de Monfero, cun orzamento de 467.473,26 euros.
As obras suporán a renovación completa do firme da estrada no tramo de case 7 quilómetros que vai do punto quilométrico 26+000 ao 32+800 e que actualmente presenta importantes signos de desgaste e desperfectos na superficie que poden afectar á seguridade do tráfico.
As actuacións comezarán con reparacións localizadas nas zonas especialmente deterioradas da vía, polo que circulan unha media de 1.012 vehículos cada día segundo as medicións efectuadas polo servizo provincial de Vías e Obras, incluíndo nalgúns tramos a demolición completa do firme e o saneo da base e subbase e a colocación de novos drenaxes tipo «espiña de peixe» que eviten o perigo das acumulacións de auga na calzada.
Renovarase completamente a pavimentación de todo o tramo con mestura asfáltica en quente de cinco centímetros de espesor e renovarase a sinalización vertical e as marcas viais da calzada, o que mellorará notablemente a seguridade do tráfico rodado na zona.
As obras, que teñen un prazo de execución de tres meses a partir do seu inicio, executaranse primeiro por unha marxe da estrada e despois pola outra, mantendo en servizo un dos carrís en todo momento.