O Concello de Monfero organiza durante todo o mes de agosto os Domingos Culturais, nos que o mosteiro de Monfero se transformará nunha sala de concertos de excepción cunha actuación cada domingo nunha contorna privilexiada e cunha acústica única e impresionante.
O ciclo, no que colabora o Departamento de Cultura da Deputación da Coruña, celébrase sempre á mesma hora, a partir das 18:30 horas, e a entrada é de balde.
O trío EnClave foi o responsable de apertura do ciclo este domingo 7 de agosto co espectáculo “O noso tango”, no que interpretou tangos orixinais compostos por eles mesmos, así como clásicos de autores como Gardel ou Piazzola, entre outros. Máis do 70% foi repertorio propio, creado para ser interpretado con vibráfono, contrabaixo e guitarra.
O 14 de agosto chegará a quenda do Keilin Ensemble, unha familia de músicos formada por catro violonchelistas e un pianista que interpreta música amena e e autores coñecidos.
Na terceira semana o trío de guitarras Tres Trastes protagonizará o espectáculo “Viaxando entre cordas”, no que interpretarán tres micro pezas compostas por Mateo Arnáiz, do Conservatorio Profesional da Coruña.
Por último, Xoán Curiel —guitarra e voz— e Álex Salgueiro —frauta traveseira e clavicordio— pecharán o ciclo o domingo 28 de agosto cos seus “Viaxes pola nosa lírica”, no que o artista e o músico cantarán e tocarán pezas medievais actualizadas compostas polo propio Curiel, así como pezas barrocas e outras máis actuais para todo tipo de público.