O Eume constátase como unha referencia dentro do turismo “slow”

Aloxamentos de A Capela, Cabanas e Monfero forman parte desta rede de enclaves sostibles e tradicionais onde pernoctar

O Xeodestino Ferrolterra-Rías Altas situouse como o mellor expoñente do “turismo slow” ao longo do ano 2019. Este tipo de turismo, baseado na filosofía slow, é dicir, no turismo tranquilo en contacto coas tradicións locais e co patrimonio natural e realizado de maneira sostible, está a ser impulsado pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol a través diversas accións nas que as empresarias e empresarios turísticos son os protagonistas. Segundo os datos recollidos pola Mancomunidade, o pasado ano a zona recibiu a 311.039 visitantes e o Camiño Inglés, que parte do porto de Ferrol e discorre polos municipios de Narón, Neda, Fene, Cabanas e Pontedeume, creceu un 4,53 %, con 15.780 camiñantes.

O Turismo Slow Norte de Galicia é un proxecto de participación voluntaria para aquelas empresas de aloxamento que cumpran cos requisitos de sostenibilidade e calidade. Na actualidade, participan no proxecto un total de 50 aloxamentos, dos cales vintedous pertencen ao Xeodestino de Ferrolterra, e concretamente aos concellos de A Capela, As Somozas, Cabanas, Cedeira, Cariño, Ferrol, Monfero, Mañón, Ortigueira e Valdoviño.

A través dos aloxamentos que forman parte do proxecto, constátase que cada vez se incrementa mais o número de persoas que demandan esta forma de viaxar e que buscan estancias máis longas para poder gozar dunha inmersión cultural completa no destino.

 

Relacionado:

Salir de la versión móvil