A Oficina de Información Turística -OIT- de Cabanas vén de elaborar o seu informe de actividade durante o mes de xullo, que abrangue todo o mes desde a súa apertura ao público, o día 8. Nese tempo atendéronse un total de 435 persoas.
Nunha tempada turística marcada pola situación epidemiolóxica da Covid-19 destacan, por riba das persoas que peregrinan a Compostela, as persoas que visitan a zona de Cabanas e o Eume, xa que preto da metade correspóndese con ese perfil.
A xente que percorre o Camiño Inglés supón o 33 % das visitantes da Oficina, posicionándose por riba de excursionistas -o 14 %- e locais -4 %-, os cales se interesan por coñecer máis a fondo o propio concello ou informarse das actividades que nel se levan a cabo.
En canto ás procedencias, sobresaen as persoas que proveñen de outros territorios do estado, co 65 % das visitas, seguidas das que veñen desde outros concellos de Galiza -un 30 %- e un 5 % de persoas estranxeiras. Esta última cifra contrasta co 35 % de visitantes estranxeiros rexistrados no mesmo período do ano pasado.
A meirande parte das visitantes elixen establecementos hostaleiros para aloxarse, mesmo aquelas persoas que están a facer o Camiño de Santiago, que escollen esta opción fronte a alternativa dos albergues.
As Fragas do Eume continúan a ser o principal de reclamo da zona, con preguntas sobre os diferentes accesos e roteiros ao Parque Natural. Neste senso, desde Cabanas estase a promocionar o acceso ao Parque desde a parroquia de Santo Estevo de Irís, cun percorrido que permite achegar ás visitantes até o Mosteiro de Caaveiro a través do Camiño dos Encomendeiros.
No ámbito local, foron moitas as persoas interesadas pola apertura da Praia Canina, un atractivo con numerosos visitantes procedentes de distintos puntos de Galiza que se achegaron a Cabanas para desfrutar dun día de praia coas súas mascotas.
O servizo de atención a visitantes na Oficina de Información Turística funciona os luns, mércores, xoves, venres e domingos de 9.00 a 15.00 h, e os sábados de 9 a 16.30h. Os martes, a oficina permanecerá por descanso do persoal.